O BNG de Vigo urxe abrir a convocatoria tras a rectificación do Goberno local coas axudas de comedor escolar

A fronte nacionalista ve positiva a aprobación das bases para as bolsas do vindeiro curso, após incluír este asunto de urxencia na Xunta de Goberno Local deste venres, un día despois da demanda do Bloque para axilizar estas axudas
Critica as “falsidades” da concelleira de Política Social lembrando os importantes avances en materia de comedores escolares durante a Alcaldía do BNG
Xabier P. Igrexas: “É claro que o Goberno de Caballero acerta cando escoita e rectifica”
O Bloque Nacionalista Galego urxe a apertura da convocatoria das axudas para libros, material e comedor escolar após a rectificación do Goberno municipal de Vigo. A fronte nacionalista ve positiva a aprobación das bases para as bolsas do vindeiro curso, despois de que se incluíse este asunto de urxencia na Xunta de Goberno Local celebrada este venres, un día despois da demanda do Bloque para axilizar estas axudas.
“Celebramos que o Goberno de Abel Caballero teña atendido a demanda reiterada da comunidade educativa e busque corrixir os atrasos dos últimos anos”, afirmou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. Alentou nese sentido a axilizar o seguinte trámite, coa apertura do prazo da convocatoria para o vindeiro 3 de marzo. “Suporía un importante avance, tendo en conta que o curso pasado as bases foran aprobadas o 13 de maio pero a convocatoria tardou inda tres meses máis”, advertiu.
Igrexas insistiu na necesidade de evitar “o calvario inxusto que tiveron que padecer as familias nos últimos cursos pola falla de xestión do Goberno local”, lembrando que as propias bases aprobadas conceden até seis meses de prazo aos servizos do Concello para a tramitación das solicitudes.
“É claro que o Goberno de Caballero acerta cando escoita e rectifica, oxalá aplique ese criterio en máis asuntos”, defendeu o voceiro nacionalista. “Nese camiño van contar sempre coa man tendida do BNG, formulando propostas en positivo como fixemos con esta cuestión”, engadiu.
“Falsidades” da concelleira de Política Social
O portavoz municipal do Bloque lamentou porén que esta rectificación fora acompañada dunhas declaracións incertas da concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar. “Para alén dun discurso mesiánico invocando que a xente tiña que confiar en que estaba en boas mans co alcalde Abel Caballero, volveu incorrer en abertas falsidades para criticar o BNG”, afeou Igrexas.
Así, convidou Aguiar a revisar a hemeroteca e os expedientes municipais para comprobar como durante o Goberno local liderado polo BNG existían axudas que cubrían até o 60% do servizo de comedor escolar e nese período, entre os anos 1998 e 2003, o número de comedores multiplicouse por seis, pasando de 10 a 60 por iniciativa nacionalista. “Foi un dos grandes fitos da política transformadora e a favor do ensino público e da maioría social despregados polo BNG neste cidade”, reivindicou Igrexas.