O BNG de Vigo alerta de que o Goberno de Caballero vai deixar arredor de 150 millóns sen executar este 2024

Xabier P Igrexas, Ana Martínez e Filipe Abalde no Pleno de Vigo
Xabier P Igrexas, Ana Martínez e Filipe Abalde no Pleno de Vigo

A fronte nacionalista denuncia no Pleno a “falla de xestión” do Goberno municipal que só executou o 46% do orzamento até o terceiro trimestre deste exercicio, e que ten un acumulado de 500 millóns de euros sen gastar durante os últimos catro anos

Xabier P. Igrexas: “Podemos definir a acción de goberno de Caballero co título dun dos programas favoritos do alcalde: 'Todo es mentira'; anuncian e prometen pero nunca fan”

O BNG de Vigo alerta de que o Goberno de Caballero vai deixar arredor de 150 millóns sen executar este 2024

O Bloque Nacionalista Galego alerta de que o Goberno de Abel Caballero vai camiño dunha “nova marca olímpica de inexecución” dos orzamentos do Concello de Vigo. Así o denunciou este luns no Pleno o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, revelando que no terceiro trimestre só está executado o 46% das contas, o que anticipa arredor de 150 millóns de euros sen gastar ao final do exercicio.

“Esta inexecución tradúcese na desatención das necesidades reais das viguesas e vigueses e no continuado abandono dos barrios e parroquias da nosa cidade”, lamentou Igrexas, afeando o “discurso triunfalista” do concelleiro de Orzamentos e Facenda que, criticou, non se corresponde coa realidade material recollida no informe de execución.

O portavoz do BNG de Vigo enumerou na sesión plenaria algunhas das partidas que “evidencian esta falla de xestión” do Goberno local. Do Plan municipal de Emprego, tan só está executada a metade da partida malia ter a cidade máis de 22 mil persoas en situación de desemprego, mentres que dos “ridículos” 90 mil euros presupostados para accións contra a violencia machista apenas se gastaron 13 mil nesta altura do ano.


Nesa mesma liña, Igrexas cuestionou que non se teña executado nin un só euro do Plan de Beirarrúas nin do Plan de Asfaltado que suman conxuntamente 2,5 millóns de euros; tampouco do único proxecto en materia de vivenda proxectado en Esturáns; nin da partida “xa recortada á metade” para a biblioteca de Teis prometida até en 20 ocasións durante a última década; ou do previsto para dinamizar unha das grandes xoias do acervo patrimonial da cidade como o Arquivo Pacheco, que continúa abandonado.

“E como corolario hai 11 proxectos de humanización, que parecera que é o único indicador da súa acción de goberno, dos que non se gastaron nin un céntimo este 2024”, subliñou o voceiro nacionalista, censurando que “nunca un Goberno municipal fixo tan pouco dispoñendo de tantos recursos públicos”.

‘Todo es mentira

Dende o BNG consideraron que estes datos poñen de manifesto que o proxecto de Abel Caballero para Vigo “redúcese a anunciar e prometer, a paseos, infografías e fotografías, que nunca se fan realidade”, cun importe acumulado de inexecucións do orzamento que supera xa os 500 millóns durante os últimos catro anos.

“Podemos definir a acción do Goberno local co título dun dos programas favoritos do alcalde: 'Todo es mentira', ironizou Igrexas no Pleno municipal, asegurando que esta situación é consecuencia de que a xestión do Concello estea en mas dun “único superconcelleiro de propaganda na persoa do alcalde tertualiano”.

“É o momento de que rectifiquen, que se centren en gobernar e non apenas ocupar o goberno, en executar aquelas actuacións que vostedes impoñen nuns orzamentos que elaboran só coa súa opinión e en deixar de estafar ás viguesas e vigueses con promesas incumpridas”, remachou o portavoz municipal do Bloque.

Demora das axudas de comedor escolar e subvencións ao tecido asociativo

A respecto do debate sobre o período medio de pago do Concello de Vigo, dende a fronte nacionalista volveron afear o discurso do Goberno municipal sobre a axilidade no pago das facturas a provedores. “Pagan rápido porque pagan pouco e só a uns poucos”, criticou Igrexas, lembrando a demora na tramitación das axudas de comedor escolar ou na concesión das subvencións destinadas ao tecido asociativo da cidade.
O BNG de Vigo alerta de que o Goberno de Caballero vai deixar arredor de 150 millóns sen executar este 2024