O BNG de Vigo aposta pola recuperación integral de Samil fronte ao proxecto de “máis cemento” do Goberno español
A fronte nacionalista formula alegacións para “corrixir” a actuación proposta polo MITECO que se limita a recuar un tramo de 250 metros do paseo dos case 2 quilómetros de praia
Propón un sistema de pasarelas de madeira similar ao do Vao fronte ao proxecto dun novo muro, que insiste no modelo “errado e ambientalmente depredador” dos anos 70
Xabier P. Igrexas: "Samil é unha praia urbana, si, pero o que temos que facer é que dunha vez por todas deixe de ser unha praia urbanizada que volva cementar o areal"
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo aposta pola recuperación integral da praia de Samil e a rexeneración do seu sistema dunar. A fronte nacionalista vén de presentar a súa alternativa ao proxecto do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) que insiste no modelo “errado e ambientalmente depredador” que se perpetrou coa construción do actual paseo nos anos 70.
“Se o Goberno español non rectifica este proxecto estaremos diante dunha grande oportunidade perdida para recuperarmos de verdade o areal de Samil e restituír os seus enormes valores ambientais”, valorou en rolda de prensa o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas.
O edil nacionalista criticou que a actuación proposta polo MITECO se limite a 250 metros (da punta de Samil até a antiga concesión do Camaleón) dos case 2 quilómetros de praia, recuando apenas 25 metros o paseo e instalando un novo muro de formigón. Cuestionou tamén que o proxecto non conte cunha proxección de conxunto e cunha perspectiva de longo prazo, ademais de carecer dunha avaliación ambiental “consistente” que teña en conta estudos científicos académicos recentes sobre a propia dinámica da praia.
“Para o BNG non ten ningunha xustificación insistir en cementar de novo a praia de Samil”, defendeu Igrexas
Chamou a apostar por outros modelos ambientalmente máis sustentábeis e que permitiron, con éxito, recuperar sistemas dunares como no caso da praia do Vao. A alternativa nacionalista, explicou, pasa por substituír o formigón por un sistema de pasarelas de madeira, pivotadas en altura, cun ancho máximo de 8 metros fronte aos 12 que proxecta o MITECO.
Ademais, o candidato do Bloque considerou “fundamental” incorporar un proxecto integral que inclúa unha auditoría ambiental, cun modelo baseado nos datos do estudo publicado en 2020 polo Centro de Investigacións Mariñas. “Para determinarmos co máximo rigor científico o alcance do recuamento do actual paseo para garantir a recuperación real dos valores ambientais de Samil”, aclarou, así como para combater os efectos do cambio climático, en particular no relativo á ameaza do incremento do nivel do mar.
“Samil é unha praia urbana, si, pero o que temos que conseguir é que deixe de ser unha praia urbanizada”, remachou o concelleiro nacionalista, que considerou unha tarefa “estratéxica” reconciliar Vigo co seu medio litoral para avanzarmos cara unha cidade máis verde e sustentábel ecoloxicamente.