O BNG reclama que a Xunta deixe de subvencionar a precariedade laboral e unha atención sanitaria “de segunda” en Povisa
A fronte nacionalista acusa o Goberno galego de consentir que haxa menos persoal e recursos que na rede pública para as 130 mil persoas adscritas a este hospital privado
O Bloque terá unha xuntanza co Comité de Empresa para trasladar o total apoio ás súas reivindicacións dun novo convenio colectivo tras 13 anos de conxelación salarial
Montse Prado: “O PP non pode permitir que o único que prime sexa a conta de resultados a costa das condicións laborais do persoal e da calidade asistencial”
Xabier P. Igrexas: “O BNG seguimos a demandar a absorción de Povisa na rede do Sergas para que a saúde das viguesas e vigueses deixe de ser un grande negocio”
O Bloque Nacionalista Galego reclama que a Xunta de Galiza deixe de subvencionar a precariedade laboral e unha atención sanitaria “de segunda” no hospital vigués Ribera Povisa. A fronte nacionalista acusa o Goberno galego de consentir que haxa menos persoal e recursos que na rede pública para as 130 mil persoas adscritas a este centro, ademais de vulneracións co seu persoal que desembocaron no actual conflito laboral.
“A Xunta non pode seguir eludindo as súas responsabilidades, todo o que acontece neste centro sanitario ten que ser fiscalizado polo Sergas”, demandou a deputada e portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, que vén de rexistrar iniciativas no Parlamento galego para solicitar que se actúe de inmediato para garantir as condicións laborais e a calidade sanitaria neste hospital privado, pero que recibe cada ano máis de 80 millóns de euros de diñeiro publico e cuxa facturación depende nun 80% do concerto singular co Sergas.
Prado urxiu tamén ao Goberno galego a que obrigue á dirección da empresa a retomar a negociación colectiva co Comité de Empresa para acordar un novo convenio colectivo após 13 anos de conxelación salarial para os 1.400 traballadores e traballadoras do hospital.
Montse Prado: “O PP non pode permitir que o único que prime en Povisa sexa a conta de resultados a costa dos dereitos do persoal e da atención sanitaria que se presta”
Nese sentido, asegurou que é necesario que a Xunta realice unha auditoría das contas e da xestión do centro en relación ao concerto co Sergas. “Para coñecer que uso se fai dos cartos públicos e aclarar canto se destina á atención sanitaria pública e canto á privada”, explicou.
Absorción de Povisa na rede Sergas
Na mesma liña, o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, reclamou o Goberno galego que deixe de ser “cómplice” da dirección empresarial de Povisa, hoxe en mans de fondos de investimento estranxeiros. “Urxe actuar con firmeza para poñer fin dunha vez por todas a esta situación que prexudica tanto o cadro de persoal de Povisa como á calidade asistencial”, denunciou.
O edil nacionalista reiterou a demanda do BNG para iniciar os trámites de absorción de Povisa na rede pública para que “a saúde das 130 mil persoas da área sanitaria de Vigo adscritas a este hospital deixen de ser un grande negocio para unha empresa privada”. Porén, reclamou que o Goberno galego garanta como mínimo as mesmas ratios de persoal e condicións sanitarias que na pública mentres se manteña o concerto singular co Sergas.
Xuntanza co Comité de Empresa
Tanto Prado como Igrexas, xunto cos deputados do Bloque no Parlamento galego, Paulo Ríos ‘Kai’ e Carmela González, asistirán este xoves á concentración convocada polo persoal e manterán, posteriormente, unha xuntanza co Comité de Empresa de Povisa para trasladar o total apoio do BNG ás súas reivindicacións para acordar un novo convenio colectivo “xusto”.