O BNG de Vigo pide explicacións ao Goberno municipal polo atraso nas axudas de comedor escolar
A fronte nacionalista denuncia que despois de máis dun mes de finalizado o prazo de solicitude das becas nada se sabe sobre a súa xestión
Esixe axilidade e que se anticipen as axudas sen esperar a completar a súa tramitación e, tamén, que se informe de cantas solicitudes teñen sido tramitadas até o momento
Xabier P. Igrexas: “Non hai argumento nin escusa para que o concello da maior cidade de Galiza, cun orzamento de case 400 millóns de euros, teña a crianzas que precisan do servizo de comedor escolar sen poder facer uso del por culpa da incompetencia do Goberno municipal”
O Bloque Nacionalista Galego demanda explicacións ao Goberno municipal de Vigo polo atraso que se está a producir na tramitación das axudas para comedor escolar.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, anunciou que interpelarán sobre esta cuestión na vindeira Comisión Informativa de Política Social. “Cando se cumpre máis dun mes do inicio do curso escolar e de que finalizase o prazo para a solicitude das becas de comedor do Concello de Vigo, desde o BNG temos que denunciar que nada se sabe sobre a tramitación dunhas axudas que son absolutamente vitais para arredor de 4 mil familias da nosa cidade”, sinalou.
Igrexas criticou que a pesar das reiteradas demandas por parte das ANPAs e dos continuados reclamos feitos desde o BNG, que “levamos anos a esixir que se anticipe a tramitación para garantir que antes do inicio do curso todas as familias solicitantes poidan saber se van recibir ou non esta beca”, o Goberno municipal de Abel Caballero insiste no desleixo con cada vez un maior atraso na xestión destas axudas.
Unha xestión “neglixente” que, apuntou, ten un claro impacto nun importante número de familias de baixos recursos que ante a dúbida de se van recibir beca ou non vense obrigadas a non mandar ao comedor as súas crianzas por non poderen anticipar o custe deste servizo.
“Falamos de que o Goberno municipal que cada ano adianta os anuncios e posta en escena do nadal, provoca que haxa moitas nenas e nenos da cidade que non poidan facer uso do servizo de comedor escolar”, reprochou o portavoz municipal nacionalista.
Interpelación
Diante desta situación, o BNG vai demandar na vindeira Comisión Informativa de Política Social, que se vai celebrar este luns, axilidade e que proceda a anticipar as axudas solicitadas mentres non conclúa a súa tramitación administrativa. “O desgoberno de Abel Caballero non pode converterse un ano máis nun castigo ás familias e as crianzas”, enfatizou.
Aliás, van demandar formalmente que se informe de maneira detallada de cantas solicitudes teñen sido xa tramitadas até o momento por parte dos servizos municipais e en que data está previsto que se poida resolver a concesión das axudas.
“Desde o BNG temos que reiterar que non hai argumento nin escusa para que o concello da maior cidade de Galiza, cun orzamento de case 400 millóns de euros, teña a crianzas que precisan do servizo de comedor escolar sen poder facer uso del por culpa da incompetencia do Goberno municipal”.