O BNG inicia en Vigo a campaña por un novo modelo de financiamento para que “Galiza teña as chaves dos seus cartos”
A fronte nacionalista realiza un reparto informativo no Calvario para defender un concerto económico que permita a Galiza recadar e xestionar os seus propios recursos
Organiza un acto público coa intervención da portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, o vindeiro xoves 24 de outubro na sede da Once en Vigo a partir das 20h
Carmela González: “Fronte a un PP de Rueda submiso ao reparto centralista que discrimina ao noso País, o BNG poñemos por diante os intereses das galegas e galegos”
O Bloque Nacionalista Galego traslada a Vigo a campaña por un novo modelo de financiamento para que “Galiza teña as chaves dos seus cartos”. A fronte nacionalista vén de realizar este venres un reparto informativo no Calvario como punto de partida da campaña para defender un concerto económico que permita a Galiza recadar e xestionar os seus propios recursos.
“O actual sistema de financiamento discrimina ao noso País, que transfire máis cartos ao Estado dos que recibe”, valorou a deputada do BNG no Parlamento galego e responsábel local, Carmela González, denunciando que Galiza perdeu 59 mil millóns de euros entre os anos 2009 e 2022 por causa dun reparto “centralista e desfasado” dos fondos.
Fronte a esta realidade, González apostou por avanzar nun modelo de concerto económico para que Galiza recade e decida o destino dos seus recursos, similar ao existente en Euskadi e do previsto para Cataluña. “É unha cuestión de xustiza, non de privilexios, que as galegas e galegos poidamos xestionar directamente os nosos impostos”, demandou.
A deputada nacionalista alertou nese sentido das consecuencias do actual modelo de financiamento que “pon en risco” os servizos públicos galegos, como a sanidade, o ensino e os servizos sociais. “Fronte a un PP de Rueda submiso á estratexia de Feijóo en Madrid, submiso a un reparto centralista que discrimina ao noso País, o BNG poñemos por diante os intereses das galegas e galegos”, defendeu.
Dende o Bloque avanzaron unha intensa campaña institucional e a pé de rúa, con repartos informativos en diferentes puntos da cidade durante os vindeiros días e coa celebración dun acto público coa intervención da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o vindeiro xoves 24 de outubro na sede da Once en Vigo a partir das 20 horas.