O BNG de Vigo reclama unha auditoría dos servizos privatizados do Concello ante os continuos incumprimentos

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal BNG Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal BNG Vigo

Denuncia que non hai case ningún servizo externalizado que cumpra de maneira estrita o fixado nos contratos e critica que o Goberno de Caballero “se limite ollar para outro lado”

Xabier P. Igrexas: “Vigo non pode seguir sendo o paraíso da impunidade para as empresas privadas que fan negocio cos cartos dos vigueses e das viguesas”

O BNG de Vigo reclama unha auditoría dos servizos privatizados do Concello ante os continuos incumprimentos

O Bloque Nacionalista Galego reclama unha auditoría integral e independente de todos os contratos e servizos privatizados do Concello de Vigo. A fronte nacionalista denuncia que non hai case ningún servizo externalizado que cumpra de maneira estrita o fixado nos pregos de contratación e critica que o Goberno de Abel Caballero “se limite ollar para outro lado e facer como que non sabe nada”.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, asegurou que é “urxente levantar as alfombras e poñer fin á barra libre” ante as reiteradas denuncias de incumprimentos e irregularidades. Esixiu que o Concello deixe de pagar por servizos que non se prestan nas condicións pactadas e lamentou que se permita a empresas incumprir a dotación de persoal necesaria ou non respectar os dereitos laborais.

Igrexas acusou o Goberno local de levar a cabo unha “estratexia deliberada” para desmantelar os servizos públicos. “O Goberno de Abel Caballero é o campión das privatizacións, e converteu o Concello nun caixeiro automático para as grandes empresas privadas”, afirmou.

Lembrou que hoxe 2 de cada 3 euros do orzamento municipal, máis de 135 millóns de euros, son destinados a xestión indirecta e externalizacións. Namentres, afeou, están sen cubrir 435 prazas públicas de traballadores e traballadoras municipais pola inexecución das Ofertas Públicas de Emprego.  “Vigo non pode seguir sendo o paraíso da impunidade para as empresas privadas que fan negocio cos cartos dos vigueses e das viguesas.

Comisión de Vixilancia da Contratación

Diante desta falla de control e opacidade, o portavoz municipal do BNG insistiu na necesidade de crear de inmediato a Comisión de Vixilancia da Contratación. Un órgano que, subliñou, é unha obriga legal recollida no Regulamento do Pleno e “non un capricho do Bloque”. Igrexas cuestionou as razóns para que o alcalde leve anos negándose a poñelo en marcha: “Que non quere que se coñeza? Que e a quen quere tapar?”.

Dende a fronte nacionalista salientaron que a cidade “merece” un goberno que defenda o patrimonio público, xestione con transparencia e poña os servizos públicos ao servizo das veciñanza en lugar do beneficio millonario de grandes empresas privadas. “O BNG non vai ser cómplice deste espolio; imos seguir esixindo que cada euro público se audite”, advertiu Igrexas. 

O BNG de Vigo reclama unha auditoría dos servizos privatizados do Concello ante os continuos incumprimentos