O BNG propón que o Concello de Vigo negocie coa banca a cesión de 227 vivendas baleiras para destinalas a alugueiro accesíbel
A fronte nacionalista levará á Xerencia de Urbanismo unha iniciativa para incorporar os inmóbeis desocupados das entidades financeiras nun parque de vivenda protexida e social
Xabier P. Igrexas: “A grave emerxencia habitacional que sofre Vigo obriga a actuar con decisión e aproveitarmos todos os recursos dispoñíbeis para facilitar o dereito á vivenda”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo trasladará no vindeiro Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo unha proposta para que o Concello impulse de maneira inmediata a sinatura de convenios coas entidades bancarias titulares de vivendas baleiras na cidade, co obxectivo de as incorporar a un parque público de vivenda protexida e social destinada a alugueiro accesíbel.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu que "a grave emerxencia habitacional que sofre Vigo obriga a actuar con decisión e aproveitarmos todos os recursos dispoñíbeis para facilitar o dereito á vivenda", polo que considera prioritario mobilizar os inmóbeis que permanecen desocupados mentres medran as dificultades de acceso a un fogar.
Segundo os datos oficiais da Xunta de Galiza, existen en Vigo 227 vivendas baleiras propiedade de entidades financeiras. "Estamos a falar de centos de inmóbeis que hoxe permanecen pechados mentres millares de viguesas e vigueses, especialmente a xente moza e as familias traballadoras, padecen enormes dificultades para acceder a unha vivenda digna por mor da escalada dos prezos", advertiu Igrexas.
SAREB
A proposta do Bloque aposta en que o Concello de Vigo negocie coa banca a cesión de uso destas vivendas para destinalas ao alugueiro social e protexido, unha fórmula que, segundo lembrou Igrexas, "xa se aplicou con éxito noutras cidades do Estado".
Especial atención dedica a iniciativa á Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB), propietaria de 115 das 227 vivendas baleiras identificadas en Vigo.
Para o portavoz nacionalista, resulta "escandaloso" que unha sociedade participada maioritariamente polo Estado e cuxos activos proceden do millonario rescate público á banca privada estea a comercializar estas vivendas "a prezos de mercado de até 300 mil euros", como aconteceu recentemente cun bloque residencial na rúa Aragón.
Nese sentido, o BNG reitera o seu rexeitamento ao plan do Goberno español para que concellos e comunidades autónomas teñan que adquirir estes inmóbeis."A SAREB ten que cedelas a custo cero, para que deixen de ser un activo financeiro e se dediquen ao uso social", reclamou Igrexas.
Política pública de vivenda
O BNG considera que a mobilización das vivendas baleiras en mans da banca debe formar parte dunha estratexia máis ampla para afrontar a emerxencia habitacional que vive Vigo.
"Levamos moito tempo advertindo da ausencia dunha verdadeira política pública de vivenda. Fronte á inacción da Xunta e á propaganda do Goberno de Abel Caballero, defendemos medidas concretas e realizábeis", asegurou Igrexas.
"O dereito á vivenda ten que estar por riba do negocio inmobiliario e da especulación bancaria", concluíu o portavoz municipal do BNG.

