O BNG de Vigo preguntará a Caballero que xestións realizou ante o Goberno español para que se investiguen as causas do naufraxio do Villa de Pitanxo
A fronte nacionalista rexistra unha pregunta ao Pleno para que o alcalde explique as actuacións feitas tras comprometerse coas familias das vítimas a trasladar persoalmente as súas demandas ao Executivo de Pedro Sánchez
Lembra que pasaron dous meses desde que a Corporación viguesa aprobou de forma unánime unha moción presentada polo BNG, a petición das afectadas, para esixir a baixada ao buque e obter probas que permitan clarificar o acontecido
Xabier P. Igrexas: “Queremos que Caballero aclare que conseguiu con ese acceso privilexiado á Moncloa do que sempre fachendea, porque o único que escoitamos por parte do Goberno español son escusas cada vez máis inconsistentes”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo vén de rexistrar unha pregunta ao vindeiro Pleno municipal, previsto para este mércores 27 de xullo, para que o alcalde, Abel Caballero, explique as xestións realizadas ante o Goberno español para que se investiguen as causas do naufraxio do Villa de Pitanxo. A fronte nacionalista interpelará así ao rexedor tras comprometerse persoalmente na sesión plenaria de maio a trasladar ao Executivo de Pedro Sánchez as “lexítimas, razoábeis e xustas” demandas das familias das vítimas.
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrou que nese Pleno celebrado o pasado 25 de maio a Corporación aprobou de forma unánime unha moción presentada pola fronte nacionalista, a petición das afectadas, para esixir unha investigación subacuática para localizar o buque, filmar e fotografar o escenario do tráxico afundimento e obter probas que permitan clarificar o sucedido.
“Sen coñecermos completamente a verdade do que aconteceu non pode haber xustiza, e sen xustiza non pode haber a reparación que merecen as familias das vítimas”, reiterou Igrexas.
O concelleiro do BNG lamentou que, transcorridos dous meses do acordo plenario, “o único que escoitamos por parte do Goberno español foron escusas cada vez máis inconsistentes para evitar facer o que hai que facer”.
Nese sentido, Igrexas reclamou a Abel Caballero que aclare os avances conseguidos grazas ao “acceso privilexiado e á capacidade de influencia na Moncloa e Ferraz dos que sempre fachendea”. O edil nacionalista insistiu na urxencia dunha rectificación por parte do Executivo español para que atenda “o clamor unánime de que hai que baixar para localizar o Villa de Pitanxo, investigar até o final o sucedido e depurar todas as responsabilidades”.