O BNG demandará no Pleno medidas urxentes do Concello fronte ao agravamento da crise en Vigo

Xabier P. Igrexas, concelleiro do BNG en Vigo
Xabier P. Igrexas, concelleiro do BNG en Vigo

A fronte nacionalista rexistra unha moción que reclama mobilizar 15 millóns de euros para constituír un “parapeto social” a nivel municipal ante o aumento da pobreza e a incapacidade dos Gobernos galego e español

Propón un aumento das partidas do Plan de Emprego e das axudas sociais, crear un programa municipal de distribución de alimentos e un bono de consumo no comercio local, reforzar o persoal dos servizos sociais, axustar as taxas e un parque público de vivendas

Xabier P. Igrexas: “Humanizar a cidade é poñer ás persoas no centro, facermos das necesidades sociais a verdadeira prioridade do Concello de Vigo”

O BNG demandará no Pleno medidas urxentes do Concello fronte ao agravamento da crise en Vigo

O Bloque Nacionalista Galego demandará no vindeiro Pleno municipal, previsto para este mércores, que o Concello de Vigo despregue medidas urxentes fronte ao agravamento da crise. A fronte nacionalista denuncia a incapacidade dos Gobernos galego e español para enfrontar o actual contexto, polo que pide mobilizar o máximo de recursos municipais ante o empeoramento de todos os indicadores sociais e económicos na cidade.

“Despois de non termos superado completamente a crise do ano 2008, os efectos combinados da pandemia, da guerra da Ucraína e o incremento descontrolado da inflación están a provocar unha situación crítica de emerxencia social”, subliñou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que alertou que só nos últimos meses a carestía da vida derivou nun aumento do 10% nos índices de pobreza na cidade.

Igrexas salientou que o Concello de Vigo conta cunha ampla capacidade económica para despregar un “ambicioso” programa de medidas que evite que esta crise “se torne nun novo saqueo antisocial”. Neste sentido, a moción das nacionalistas reclama una modificación orzamentaria de 15 millóns de euros para financiar un “parapeto social” a nivel municipal.

“Pouco máis do que quere enterrar Abel Caballero no ascensor Halo de Star Trek ou apenas un 25% do que se vai investir polo momento na reforma do Estadio Municipal de Balaídos”

Medidas ante o desemprego e a inflación

Entre as medidas propostas polo BNG, o edil nacionalista destacou a necesidade de aumentar en 5 millóns de euros o orzamento do Plan Municipal de Emprego. Igrexas asegurou que a falta de oportunidades laborais é unhas das principais preocupacións das viguesas e dos vigueses diante da continuada “desertización produtiva” na cidade, coa destrución de 2 mil empregos industriais no que vai de ano e máis de 10 mil desde 2009.

Ante a perda de poder adquisitivo, derivada do incremento disparado da inflación un 11,7%, a fronte nacionalista chama a ampliar as partidas sociais, entre elas, unha convocatoria extraordinaria do coñecido como cheque social e aumentar as axudas de emerxencia destinado a cubrir gastos básicos. Na mesma liña, pide poñer en marcha dun programa de distribución de alimentos e bens de primeira necesidade para persoas en exclusión social e pobreza, que superan xa as 60 mil na cidade, e facer gratuíto o autobús urbano para desempregadas de longa duración e perceptoras de axudas sociais como a Risga ou o IMV.

30% máis de persoas nos servizos sociais

Igrexas alertou ademais do incremento dun 30% das persoas que acoden aos servizos sociais municipais desde 2020, unha evidencia da situación crítica e das dificultades de moitos fogares para facer fronte ao contexto actual de crise. “É preciso reforzalos con máis persoal para axilizar a atención das máis vulnerábeis, que hoxe teñen que esperar nalgúns casos até mes e medio”, denunciou o concelleiro do Bloque.

A vivenda é outro dos problemas sociais apuntados pola fronte nacionalista, cuxos prezos de alugueiro son os máis caros de Galiza e medraron até un 40% nos últimos cinco anos, mentres que os de compravenda subiron este ano un 7,3%, triplicando o aumento rexistrado a nivel estatal. O edil nacionalista insistiu na prioridade de crear un parque de vivenda municipal, nomeadamente da oferta en réxime de alugueiro social, así como buscar fórmulas para incorporar a este parque as miles de vivendas que teñen a Sareb e as entidades financeiras rescatadas con diñeiro público.

Desde o BNG valoraron tamén urxente medidas de apoio ao pequeno e mediano comercio local, para o que demandan crear un bono de consumo para familias de baixos recursos dotado con 3,5 millóns de euros. Aliás, reclamaron estudar a modificación das ordenanzas fiscais para ampliar as exencións, bonificacións e facilidades de pagamento, tanto familias como para o comercio, co obxectivo de facer as taxas máis “xustas e progresivas”.

PODES CONSULTAR NESTA LIGAZÓN A MOCIÓN PRESENTADA

O BNG demandará no Pleno medidas urxentes do Concello fronte ao agravamento da crise en Vigo