O BNG de Vigo esixe o "cesamento inmediato" da concelleira de Seguridade imputada polo accidente do Saltamontes e unha comisión de investigación no Concello
A fronte nacionalista asegura que a decisión xudicia "verifica a existencia de indicios sólidos dunha eventual responsabilidade municipal en relación a un control neglixente"
O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, critica que 538 días despois do tráxico accidente non se deran aínda “explicacións suficientes nin se asumise ningunha responsabilidade ”,
O Bloque Nacionalista Galego rexistrou unha moción de urxencia ao Pleno despois da imputación da concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, en relación co accidente mortal do Saltamontes, o 3 agosto de 2024 nas festas de Matamá. Unha decisión xudicial que para a fronte nacionalista “verifica a existencia de indicios sólidos dunha eventual responsabilidade municipal en relación a un control neglixente", que a propia Fiscalía asume ao sinalar a inexistencia tanto dun protocolo municipal de inspeccións como tamén a falla dunha instrución clara que ordenase o precinto da atracción, unha vez constatado que non reunía as debidas condicións de acordo á normativa para a súa autorización.
Igrexas tachou este feito de “gravísimo” por afectar de maneira directa a unha integrante do Goberno municipal, polo que “merece ser abordado polo máximo órgano do Concello”. O portavoz do Bloque en Vigo criticou ademais que 538 días despois do tráxico accidente non se deran aínda “explicacións suficientes nin se asumise ningunha responsabilidade”, malia as reiteradas solicitudes formuladas pola oposición.
Por estes motivos, a fronte nacionalista reclama na moción de urxencia o “cesamento inmediato” da concelleira de Seguridade e a creación dunha Comisión Especial de Investigación que permita esclarecer as circunstancias do accidente, determinar as responsabilidades políticas e administrativas e analizar o funcionamento dos servizos municipais implicados propoñendo, en detalle, medidas correctoras.
O Bloque demanda a ese respecto a elaboración urxente dun protocolo municipal de inspección, control e autorización de atraccións de feira e instalacións similares, con procedementos claros de actuación, criterios técnicos obxectivos e mecanismos efectivos de control e precinto. Aliás, pide dotar aos servizos municipais da área de Seguridade do Concello dos medios humanos e materiais necesarios.
“A veciñanza de Vigo ten dereito a coñecer toda a verdade do acontecido, a que se depuren todas as responsabilidades que correspondan e tamén a que se adopten as medidas necesarias para garantir que un suceso destas características non poida volver repetirse”, remachou Igrexas.

