CORONAVIRUS
O BNG de Vigo chama a participar na xornada de protesta convocada pola CIG contra o confinamento de dereitos sociais e laborais
Xabier P. Igrexas: “As clases populares e traballadoras xa pagamos moitas crises. As consecuencias desta situación non poden ir sobre o lombo do pobo”
Demandan políticas efectivas que impidan que superada a emerxencia sanitaria regrese “unha nova epidemia antisocial en forma de recortes, de pobreza, de precariedade e de desemprego”.
O Bloque Nacionalista Galego vén de expresar publicamente o seu apoio á xornada de protesta convocada pola CIG cunha cazolada para este venres día 10 ás 12h. Unha iniciativa que baixo o lema “Que escoiten! Que non confinen os teus dereitos” quere reclamar medidas efectivas para protexer as clases populares e traballadoras tanto fronte á emerxencia sanitaria do coronavirus, como en relación á crise social, laboral e produtiva en curso.
Desde BNG lembran que están a desenvolver unha intensa acción política, tanto a nivel galego, no Congreso en Madrid como desde o propio concello, para reclamar políticas que impidan que os custos desta situación os paguen as traballadoras e os traballadores e, singularmente, os sectores máis vulnerábeis e empobrecidos.
“As clases populares e traballadoras xa pagamos moitas crises. As consecuencias desta non poden ir sobre o lombo do pobo. Hai que evitar por todos os medios que unha vez superemos a ameaza do coronavirus non regrese unha nova epidemia antisocial en forma de recortes, de pobreza, de precariedade ou de desemprego”, defendeu o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.
Neste sentido, Igrexas fixo un apelo a secundar de maneira activa a convocatoria da CIG para empurrar políticas verdadeiramente comprometidas coa maioría social. “As nosas varandas teñen que enviar unha mensaxe clara demandando dos gobernos galego e español medidas sociais, garantías para os postos de traballo e que se protexa a quen ten que seguir traballando en actividades esenciais”, explicou o portavoz municipal nacionalista.
Comercio alimentación
Desde a fronte nacionalista subliñan a situación que atravesan sectores como o comercio alimentación, e expresan o seu total recoñecemento e apoio ao seu persoal demandando medidas que garantan a seguridade no traballo e a máxima protección fronte ao contaxio.
Desta maneira, rexeitan que neste contexto de emerxencia as grandes empresas do sector estean inmersas nunha guerra comercial, que a Xunta do PP alenta liberalizando horarios, e que empurra ás empregadas e empregados a unha maior exposición ao virus sen contar cos medios de protección necesarios.
O Bloque fai súas as demandas da CIG a este respeito, como son a redución de horario comercial, o aumento do persoal, o control estrito do aforo, ou que se garantan equipos de protección para persoal e clientela. “Temos que coidar a quen coida, temos que protexer a quen nos protexe co seu traballo. É a nosa obriga”, enfatizan.