O BNG renova os seus organismos na comarca de Vigo co reto de liderar o cambio nos concellos e na Galiza

A fronte nacionalista destaca o “papel chave” da súa militancia, que incrementou un 20% nos últimos tres anos, durante a Asemblea Comarcal celebrada este xoves 

Manuel Caride, reelixido responsábel comarcal: “A nosa organización continúa nunha senda de avance coa vista posta nas eleccións municipais do 2027 e as galegas de 2028”  

O BNG renova os seus organismos na comarca de Vigo co reto de liderar o cambio nos concellos e na Galiza

O Bloque Nacionalista Galego vén de renovar os seus organismos internos na comarca de Vigo para reforzar a súa aposta política co reto de impulsar o cambio nos concellos nas vindeiras eleccións municipais de 2027, como paso previo a liderar un novo goberno na Galiza nos comicios de 2028.

“A nosa organización continúa nunha senda de avance e consolidación, tanto desde o  punto de vista electoral como organizativo”, destacou Manuel Caride, reelixido por unanimidade como responsábel comarcal na Asemblea celebrada este xoves na que tamén se aprobou a incorporación de novas caras no Consello Comarcal para “fortalecer o proxecto” sobre os progresos dos últimos anos.

Caride salientou o “papel chave” da militancia do Bloque, que incrementou un 20% na comarca dende o último proceso asemblear en 2021, e a unidade e cohesión interna. “É no compromiso militante onde radica a nosa maior fortaleza fronte a outras formacións políticas, o que nos permite ser referenciais en ámbitos tan importantes como a defensa do idioma, o sindical, o cultural, o feminismo ou o ecoloxismo”, reivindicou.

Dende a fronte nacionalista fixaron como obxectivo seguir ampliando os apoios de cara a dous retos electorais onde aspira a incrementar de forma significativa a súa representación institucional. “As eleccións municipais de 2027 deben servir como elemento de arranque doutra cita electoral transcendental para o Bloque como son as eleccións galegas de 2028, onde o nacionalismo galego está chamado á liderar un novo goberno ao servizo do País”, afirmou Caride.

Nese camiño, defendeu o responsábel comarcal, o BNG vai continuar acompañando o seu papel a nivel institucional nos concellos dun “intenso” traballo social, cun contacto directo e permanente co tecido social organizado e con presenza nas principais problemáticas e conflitos.

Renovación do Consello Comarcal

Manuel Caride encabezou a única candidatura presentada para a renovación do Consello Comarcal, que foi avalada por unanimidade, continuará a contar con 21 integrantes aos que se sumarán as e os responsábeis locais e unha persoa en representación da organización xuvenil Galiza Nova. Unha candidatura cunha representación paritaria a nivel de xénero na que se conxuga a continuidade do actual proxecto coa incorporación de novas caras.

O propio Caride, a concelleira nacionalista de Redondela Jéssica García, e o sindicalista e ex concelleiro en Fornelos de Montes Pedro Pérez, serán os representantes pola comarca no Consello Nacional do BNG, que se suman ás persoas elixidas tamén da área de Vigo durante a pasada Asemblea Nacional.

Composición do Consello Comarcal do BNG de Vigo

1.-Manuel Caride Correa

2.-Jéssica García Cruz

3.-Pedro Pérez Caride

4.-Manuela Rodríguez Pumar

5.-Brais Ruanova Vilas-Boas

6.-Iria Custodio Fabre

7.-Xavier Rodríguez Fernández

8.-Yasmina Moreira Costas

9.-Adrián Rodríguez Bravo

10.-Carmela González Iglesias

11.-Xabier Pérez Igrexas

12.-Alexandra Fernández Gómez

13.-Xurxo Pardo Besadío

14.-Elsa Quintas Alborés

15.-Gustavo Barcia Seijo

16.-Raquel Pérez Fernández

17.-Xoán Carlos González Campo

18.-Patricia Maquieira Gómez

19.-Iago Pereira Moreda

20.-Laura Piñeiro Mariño

21.-Lois Pérez Castrillo

O BNG renova os seus organismos na comarca de Vigo co reto de liderar o cambio nos concellos e na Galiza