O BNG de Vigo comprométese a potenciar os deportes náuticos na cidade

20230507_184653
Filipe Abaldo e Xabier P. Igrexas, nun encontro con clubes de deportes do mar

A fronte nacionalista aposta en promover a práctica de deportes do mar aproximándoos á maioría social, con accións divulgativas, un campus de verán de “Deportes H2O” e brindando un moito maior apoio aos clubs

Xabier P. Igrexas: “Vigo ten un enorme potencial nos deportes náuticos que son unha grande tradición popular”

O BNG de Vigo comprométese a potenciar os deportes náuticos na cidade

Dentro da súa aposta por revitalizar a política deportiva na cidade de Vigo, o Bloque Nacionalista Galego vén de trasladar o seu compromiso con potenciar os deportes náuticos na cidade.

O concelleiro e candidato á alcaldía de Vigo do BNG, Xabier P. Igrexas, destaca o “enorme potencial que Vigo ten no ámbito dos deportes náuticos onde existe unha grande tradición”. Un potencial que Igrexas queren desenvolver en moita maior medida co obxectivo, afirma, de “posicionar Vigo como unha referencia a nivel galego e internacional nas diferentes modalidades dos deportes no mar”.

A principal liña de actuación que propón a fronte nacionalista pasa por promover a práctica dos deportes náuticos achegándoos ao conxunto da poboación. “A práctica deportiva no mar é unha tradición popular, que nada ten a ver caricatura de deporte de elites ou de minorías, pero o repto é volver aproximalos á maioría social”, explica Igrexas.

Nese sentido, defenden a posta en marcha de programas escolares e de primeira experiencia e o reforzo das modalidades náuticas nas escolas deportivas municipais. Pero tamén a creación dun programa “Deportes H2O”, que se desenvolva nos meses de verán en formato campus con actividades que dean a coñecer as diferentes modalidades de deporte náutico ao conxunto da cidadanía, así como a realización de máis eventos e competicións en Vigo.

Apoio e diálogo cos clubs

Por outra parte, desde a fronte nacionalista defenden a necesidade de aumentar substancialmente o apoio municipal aos clubs, especialmente no referido a axudas públicas e becas deportivas. Neste sentido, o candidato número 3 ás vindeiras eleccións municipais e responsábel de Deportes do BNG de Vigo, Filipe Abalde, lamentou “a indiferenza e o abandono que padecen os clubes dos deportes de mar desde hai anos por parte do actual Goberno municipal”. “Os clubs están poñendo literalmente todo da súa parte, empurrando a pulso e cun grande esforzo o deporte náutico na cidade e merecen dun maior apoio por parte do Concello”, reclama.

Abalde puxo en valor a importancia de “escoitar e dialogar cos e coas verdadeiras protagonistas do deporte fronte a xordeira autoritaria”, subliñando que as propostas do BNG foron resultado do contraste e interlocución directa cos clubes e entidades implicadas nos deportes náuticos, a través dun recente encontro sectorial realizado pola fronte nacionalista en Bouzas.

O BNG de Vigo comprométese a potenciar os deportes náuticos na cidade