O BNG propón que Vigo se integre na ‘Rede de Cidades que Camiñan’ para avanzar cara unha cidade máis habitábel e verde
A fronte nacionalista chama a revolucionar a mobilidade con alternativas ao uso do coche: potenciando o transporte público, a mobilidade peonil, en bicicleta e VMP
Aposta por reiniciar o proceso de democratización do espazo público iniciado polo Bloque coas peonalizacións do Calvario, da praza da Independencia e do Casco Vello
Xabier P. Igrexas: “Un BNG determinante será garantía de que a maior cidade de Galiza avance de novo para se converter nun verdadeiro referente de habitabilidade”
O Bloque Nacionalista Galego propón que o Concello de Vigo se integre na ‘Rede de Cidades que Camiñan’, unha iniciativa coa que buscan que a cidade avance cara un novo modelo urbano máis habitábel e verde. Así o anunciou este luns o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que salientou que este será un dos principais compromisos da fronte nacionalista nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio.
“Comprometémonos a mellorar o espazo público como lugar para camiñar, estar e socializar, fomentando a mobilidade sustentábel, a accesibilidade universal, a seguridade viaria, a calidade do medio ambiente e a autonomía infantil”, asegurou Igrexas, que adiantou que incorporarán as propostas recollidas no decálogo da ‘Rede de Cidades que Camiñan’, da que xa fan parte 78 municipios, no programa electoral “aberto e en positivo” das nacionalistas.
O candidato do BNG valorou que estas eleccións son unha “grande oportunidade para volver poñer en marcha Vigo e transformar a súa realidade urbana para avanzar cara unha cidade máis san, ecolóxica e segura”
Nese obxectivo, fixou como “estratéxicos” dous eixos: revolucionar a mobilidade e reiniciar o proceso de democratización do espazo público.
Sobre o primeiro, Igrexas apostou por priorizar a mobilidade peonil, o uso da bicicleta e de Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP) así como potenciar o transporte público. “Temos que crear as condicións e brindar alternativas para reducir a utilización do coche privado”, subliñou o cabeza de lista nacionalista, “porque en Vigo ninguén colle o coche por gusto”.
Na mesma liña, chamou a retomar o proceso de peonalizacións iniciado polo BNG coa reforma do Calvario, da praza da Independencia e do Casco Vello. “Hai que devolverlle a cidade á veciñanza, facendo que as persoas gañen espazo sobre o coche”, defendeu Igrexas, que afirmou que “un BNG determinante será garantía de que a maior cidade de Galiza avance de novo para se converter nun verdadeiro referente de habitabilidade”.