O BNG denunciará na Xunta Electoral o “uso partidista” da Entidade Local de Bembrive polo PSOE
A fronte nacionalista censura a publicación dun acto electoral da candidatura de Abel Caballero na páxina oficial de Facebook da Entidade Local Menor
Roberto Fernández Vila, candidato pedáneo: “Urxe abrir unha nova etapa na Entidade que deixe atrás estes anos escuros de corrupción e ruína”
Xabier P. Igrexas, candidato á Alcaldía de Vigo: “O PSOE leva moitos anos tratando a Entidade Local Menor de Bembrive como o seu negocio particular, e volve demostralo utilizándoa para o seu vantaxismo electoral”
O Bloque Nacionalista Galego presentará unha denuncia perante a Xunta Electoral de zona polo “uso partidista” da Entidade Local Menor (ELM) de Bembrive por parte do PSOE. A fronte nacionalista censura o anuncio dun acto de carácter electoral da candidatura socialista —coa participación do alcalde de Vigo, Abel Caballero —publicado este sábado, e eliminado horas despois, na páxina oficial de Facebook da ELM. Un feito que, a xuízo do BNG, vulnera o disposto na Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral.
“É indecente que se utilice unha institución pública para facer propaganda electoralista a escasas semanas dunhas municipais”, criticou o candidato do BNG á Alcaldía pedánea, Roberto Fernández Vila, que afeou ademais que na publicación se aluda “a nosa candidatura” como se a lista do PSOE fora a da propia Entidade.
Fernández Vila valorou estes feitos como un exemplo máis da xestión “caciquil” que marcou os gobernos do PSOE na Entidade Local Menor de Bembrive, cuxos dous anteriores pedáneos resultaron condenados por casos de corrupción.“Urxe abrir unha nova etapa na ELM que deixe atrás estes anos escuros e de ruína”, defendeu.
Devolverlle a ELM á veciñanza
De por parte, o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, inscribiu esta “flagrante utilización partidista e electoral” dentro da permanente “apropiación da Entidade Local Menor de Bembrive por parte do PSOE”. “Levan moitos anos tratando a Entidade como o seu negocio particular, cunha xestión nefasta envolvida en reiterados casos de corrupción. É hora dun cambio que, por pura hixiene democrática, devolva a Entidade Local de Menor ás veciñas e veciños de Bembrive, e ese é o compromiso do BNG”, reclamou.
Igrexas esixiu ao PSOE que deixe de utilizar as institucións para o seu “vantaxismo electoral”. “O que ten que facer Abel Caballero en Bembrive é dar a cara dunha vez e explicar como os dous últimos alcaldes pedáneos do PSOE, designados e patrocinados persoalmente por el, suman 20 anos de inhabilitación e varios de prisión para un deles, un verdadeiro récord de corrupción na nosa cidade”, reclamou.