O BNG de Vigo demanda ampliar dous meses o prazo de exposición pública do novo Inventario do Concello
A fronte nacionalista cuestiona a "opacidade" coa que o Goberno municipal está a tramitar a actualización deste documento que contén 21 mil cambios en relación ao anterior
Xabier P. Igrexas: “Hai que garantir o exercicio efectivo da veciñanza a recibiren información e formular alegacións para corrixir as numerosas deficiencias xa detectadas”
O Bloque Nacionalista Galego demanda ampliar dous meses máis o período de exposición pública do novo Inventario de Bens e Dereitos do Concello de Vigo, que conclúe o vindeiro 15 de marzo. A fronte nacionalista considera “insuficiente” este prazo para garantir o “exercicio efectivo dos dereitos da veciñanza” a informarse sobre a actualización do documento e para formular alegacións, tal como advertira o pasado xaneiro o propio Bloque no inicio do proceso.
“É un expediente de grande importancia porque nel se van definir cales son os viais de titularidade pública e cales non, determinando as responsabilidades no que ten a ver con mantemento, coa limpeza pero tamén cos dereitos urbanísticos”, subliñou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. “Estamos a constatar o que xa alertamos, que o Goberno municipal de Abel Caballero decidiu tramitar esta actualización do Inventario de maneira burocrática e opaca”, lamentou.
Igrexas denunciou que o actual documento contén “numerosos erros e omisións”
Nese sentido reiterou a solicitude, formulada no Pleno de aprobación inicial, para que técnicos municipais realicen unha rolda de visitas e accións informativas nos barrios e parroquias de Vigo para explicar “con detalle” os case 21 mil cambios rexistrados en relación ao anterior Inventario. “Solicitamos alargar o proceso dous meses máis para permitir un asesoramento técnico e unha información real”, asegurou.
O edil nacionalista sinalou que a día de hoxe, a algo máis dunha semana para finalizar o prazo de exposición pública, quedan só 23 citas dispoñíbeis para revisar “un expediente de miles páxinas”, unha evidencia a xuízo do BNG da “falla de transparencia” no proceso. “Temos que mellorar a participación para asegurarmos que na aprobación definitiva do Inventario teñamos un documento axustado á realidade e que escoita ás viguesas e vigueses”, remachou.