O BNG de Vigo pide que o Concello apoie as persoas en risco de desafiuzamento
A fronte nacionalista propón crear unha Oficina municipal de apoio e asesoramento gratuíto ante o aumento dos despexos nun 21% no último ano, con máis de 1 caso por día
Xabier P. Igrexas: “O máis grave é que este número brutal de despexos non conta en case ningún caso dunha alternativa habitacional por parte da Xunta ou do Concello”
O Bloque Nacionalista Galego pide que o Concello de Vigo poña en marcha unha Oficina de apoio e asesoramento gratuíto para persoas en risco de desafiuzamento. A fronte nacionalista traslada esta proposta diante do aumento de casos, un 21% máis no último ano, o que supón máis de 1 despexo por día na cidade, moitos deles a persoas ou familias en réxime de alugueiro.
“O máis grave é que este número brutal de despexos non conta en practicamente ningún caso cunha alternativa habitacional, como consecuencia da nefasta política social e de vivenda da Xunta de Galiza do PP pero tamén da inacción irresponsábel do Goberno de Abel Caballero”, denunciou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Dende o Bloque alertaron de que este problema está agravándose pola falla de alternativas públicas fronte aos “prezos imposíbeis” dos alugueiros, que continúan marcando niveis récord de encarecemento. Así, os datos oficiais do Servizo de Notificacións e Embargos amosan que no 2024 houbo 347 desafiuzamentos na cidade, onde un de cada tres casos afectan a familias en situación de vulnerabilidade social.
“Non son apenas cifras ou estatísticas, son o retrato dun drama social”, salientou Igrexas, lembrando que “falamos de familias que perden algo tan básico como disporen dun teito baixo o que durmir, un fogar que habitar”.
Medidas fronte ao “discurso falso” de Caballero
Diante destes datos, o BNG defende que o Concello ten que abandonar a súa “política de brazos caídos” en materia de vivenda, poñendo en marcha unha Oficina de Apoio para persoas en risco de desafiuzamento. Un organismo que ofreza asistencia xurídica gratuíta e axilice o acceso a recursos e axudas sociais que eviten a perda da vivenda ou faciliten encontrar outra.
Lamentou nese sentido ao “discurso falso e insultante” do alcalde, Abel Caballero, asegurando que o seu despacho é a oficina antidespexos da cidade, así como a falla de actuacións do Goberno galego á hora de garantir alternativas habitacionais. “Do que se trata é de actuar para axudar a resolver este grave problema en lugar de seguir a negalo e tapalo con propaganda e mentiras”, afirmou o portavoz municipal nacionalista.