O BNG ‘convida’ a Caballero a pasar unha noite na rúa en Vigo para que deixe de criminalizar a pobreza

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista reclama unha rectificación do alcalde despois das “lamentábeis” declaracións realizadas contra as persoas que malviven na antiga estación de buses

Xabier P. Igrexas: “O abandono institucional das persoas empobrecidas é tamén unha forma de violencia, polo que temos que converter o Concello nun grande parapeto social”

O BNG ‘convida’ a Caballero a pasar unha noite na rúa en Vigo para que deixe de criminalizar a pobreza

O Bloque Nacionalista Galego pide máis recursos para atender ás persoas empobrecidas en Vigo en lugar de tratalas como un problema. Así o demandou este mércores o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, en reacción ás “lamentábeis” declaracións do alcalde criminalizando ás persoas que malviven na antiga estación de buses da Avenida de Madrid.

“Temos que esixir a Abel Caballero que cese na súa política aporofóbica porque o abandono institucional das persoas empobrecidas é tamén unha forma de violencia”, reclamou Igrexas, quen convidou ao rexedor a pasar en primeira persoa por esa experiencia. “Que probe a pasar unha soa noite á fresca, a ver se é capaz de soster esa frase infame de que dormen na rúa porque queren”, retou o voceiro nacionalista.

Dende o Bloque consideraron que un Goberno municipal que se di progesista non pode reducir o drama destas persoas a unha cuestión estética. “A pobreza en Vigo existe e non se resolve apartándoa da vista para invisibilizala, ten que combaterse con xustiza social”, defendeu Igrexas, subliñando que na actualidade hai máis de 60 mil persoas en risco de exclusión na cidade segundo o índice oficial Arope.

Na mesma liña, a fronte nacionalista lembrou ao alcalde que existen máis de 200 persoas sen fogar en Vigo, malia que o albergue municipal conta con menos de 40 camas. “A situación da antiga estación non é o problema, é o síntoma do problema: a falla dunha verdadeira política de inclusión social”, valorou o portavoz municipal do Bloque.

Insensibilidade dos Gobernos local e galego

Igrexas acusou a “insensibilidade” tanto da Xunta de Galiza como do Goberno local a respecto da pobreza. Así, afeou que se teñan recortado as axudas sociais municipais en case un 50% desde o ano 2020 mentres se triplicaba o gasto en luces de Nadal.

“A pregunta fundamental é que axuda lle está a brindar o Concello de Vigo, que o pasado ano 2024 contou cun orzamento de 400 millóns de euros, ás persoas que están en situación de exclusión? Onde está o dispositivo de frío que protexa persoas vulnerábeis, na súa ampla maioría gravemente enfermas, do risco real de hipotermia?”, cuestionou.

Humanizar de verdade Vigo

O portavoz municipal do BNG chamou a unha rectificación do alcalde para humanizar dunha vez as políticas do Concello, mobilizando todos os medios e recursos necesarios para convertelo nun grande parapeto social que protexa os máis débiles e impida que ninguén quede atrás.

“Abel Caballero ten que deixar de tratar as persoas empobrecidas como un problema e a ofrecerlle solucións que vaian moi alén dun cutre e limitado asistencialismo, para que Vigo sexa a mellor cidade para vivir para todas e todos”, demandou, engadindo que “iso si que sería unha verdadeira política de humanización inda que non se preste a inauguracións”.

O BNG ‘convida’ a Caballero a pasar unha noite na rúa en Vigo para que deixe de criminalizar a pobreza