O BNG de Vigo critica a “hibernación” do Consello Municipal de Lingua

xpi02

A fronte nacionalista denuncia que o organismo consultivo fica paralizado desde outubro de 2019 despois do intento do Goberno local de excluír o BNG.

Xabier P. Igrexas: “Oxalá o Goberno de Caballero dedicase un 1% da enerxía, compromiso e recursos que destina a promover o inglés en Vigo, a apostar pola plena normalización do galego na principal cidade de Galiza”.

O BNG de Vigo critica a “hibernación” do Consello Municipal de Lingua

O Bloque Nacionalista Galego interpelou o Goberno local de Vigo a respeito da situación de “hibernación” na que se atopa o Consello Municipal de Lingua desde outubro de 2019. Critican o “continuado desprezo” contra a lingua propia e reclaman un maior compromiso do Concello a favor da normalización do galego na principal cidade de Galiza.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, demandou explicacións na última Comisión Informativa de Lingua arredor da paralización do Consello Municipal da Lingua. Neste sentido, lembrou que a súa primeira sesión constitutiva, neste mandato, celebrouse o 28 de outubro de 2019, pero a súa composición fica pendente de ratificación plenaria, despois de que o Goberno retirase o punto na orde do día da sesión ordinaria de outubro de 2020. “O Goberno local comprometeuse a impulsar unha modificación do regulamento do Consello para garantir que as catro forzas políticas do Pleno poidamos participar, rectificando o intento deliberado de excluír o BNG promovido nun inicio dentro da liña sectaria e antidemocrática despregada contra nós”, explicou, mais lamentando que “nada se sabe desa reforma”.

Igrexas subliñou a importancia do Consello Municipal de Lingua, como “principal espazo de participación e cooperación a nivel local a favor da normalización lingüística, para apostar decididamente por promover o uso do galego e garantir o dereito de todas as viguesas e vigueses a vivirmos plenamente na nosa lingua propia”.

“Oxalá o Goberno de Caballero dedicase un 1% da enerxía, compromiso e recursos que destina a promover o inglés en Vigo, a apostar pola plena normalización do galego na principal cidade de Galiza”, ironizou o portavoz municipal nacionalista.
 

O BNG de Vigo critica a “hibernación” do Consello Municipal de Lingua