O BNG de Vigo critica os novos recortes do Sergas na atención pediátrica na cidade
Xabier P. Igrexas: "Un verán máis a Xunta do Partido Popular castiga a cidade de Vigo con recortes sanitarios. Coruxo volverá ficar sen pediatra e catro centros de saúde non terán atención pediátrica pola tarde. É intolerábel.”
A fronte nacionalista chama a que as viguesas e vigueses aposten pola reversión dos recortes e a blindaxe da sanidade pública apoiando o proxecto de “cambio galego” que lidera Ana Pontón.
O Bloque Nacionalista Galego criticou a nova vaga de recortes asistenciais na sanidade pública en Vigo. A fronte nacionalista considera “intolerábeis” os recortes que volverán deixar a parroquia de Coruxo sen pediatra e suprimirán a atención pediátrica en horario de tarde nos centros de saúde de Navia, Coia, Lavadores e Casco Vello.
“Un verán máis a Xunta do Partido Popular castiga a cidade con recortes sanitarios. Coruxo volverá ficar sen pediatra e catro centros de saúde non terán atención pediátrica pola tarde. É intolerábel”, denunciou o concelleiro do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas.
Igrexas considerou especialmente grave que estes recortes teñan lugar precisamente despois de tres meses de grave crise sanitaria por causa do coronavirus, durante a que se suspenderon moitas citas e non se realizaron algunhas revisións pediátricas. Aliás, o edil nacionalista, advertiu de que a redución da atención pediátrica nos centros de saúde provocará a saturación do Punto de Atención Continuada (PAC), onde malia non haber pediatra son derivadas as urxencias sen cita, ou o servizo de urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro.
Emporiso, o portavoz municipal nacionalista fixo un chamamento expreso a que, de cara aos comicios galegos do vindeiro 12 de xullo, as viguesas e vigueses “defendan o seu dereito a unha sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade”, poñendo fin á “nefasta década de Alberto Núñez Feixóo e a súa política de recortes e privatización”.
“O voto das viguesas e vigueses pode ser decisivo para facer realidade un cambio galego, que acabe cos recortes e que blinde a nosa sanidade pública, para que nunca máis volvan xogar coa nosa saúde e a das nosas crianzas”, reivindicou Igrexas sinalando que a mellor maneira de facelo é apostando polo “proxecto transformador, solvente e en positivo que encarnan Ana Pontón e o BNG”.
“A cidadanía viguesa estivemos estes anos a mobilizarnos nas rúas, nun clamor case unánime, en defensa da sanidade pública. O 12 de xullo hai que levar ese clamor ás urnas”, demandou.