O BNG de Vigo cualifica de "improvisación irresponsábel" o traslado do parque de bombeiros a Coruxo

xpi02

Xabier P. Igrexas: "Teñen que deixar de xogar cos bombeiros, porque é tanto como xogar coa seguridade das viguesas e dos vigueses"

O BNG de Vigo cualifica de "improvisación irresponsábel" o traslado do parque de bombeiros a Coruxo

O Bloque Nacionalista Galego criticou esta mañá a "improvisación irresponsábel" coa que o Goberno municipal de Vigo está a xestionar o traslado provisional do parque de bombeiros de Balaídos a Coruxo. A fronte nacionalista pide explicacións a Elena Espinosa, perante as advertencias trasladadas pola representación sindical sobre a falla de idoneidade do novo espazo.

xpi01O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, mantivo esta mañá un encontro con representantes sindicais da CIG no corpo de bombeiros da cidade, no que abordaron a situación creada arredor do "inminente" traslado do parque de bombeiros de Balaídos a unha instalación provisional en Coruxo.

Igrexas criticou a continuada improvisación coa que o Goberno municipal xestiona a reorganización dos bombeiros. "O goberno sabe desde xaneiro de 2015, cando se inician as obras de reforma do estadio de Balaídos, que había que buscar unha solución. A pesar de acumular case cinco anos de atraso sobre o prazo previsto para finalizar esas obras, vemos como non foron capaces de planificar nada", reprochou.

Desde a fronte nacionalista afean o permanente cambio de criterio. "Primeiro dixeron que ian recolocar o parque no propio estadio, despois que se ía trasladar ao novo parque en Bouzas, en maio de 2020 renuncian a Bouzas e din que a Esturáns, e en novembro dese mesmo ano falan por vez primeira de Coruxo", relatan.

Sospeitas de ilegalidade

Outro dos aspectos preocupantes arredor do traslado a Coruxo son as dúbidas legais, despois de que se veña de coñecer que Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística iniciou expediente contra o Concello de Vigo para que acredite dispor dos permisos necesarios para utilizar as dependencias da antiga depuradora para esta nova finalidade.

A este respeito, Igrexas interpelou o Goberno local no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, decorrido este martes, preguntando explicitamente se se dispuña da autorización precisa para levar a cabo esta actuación. Cuestión que foi respondida pola concelleira de Urbanismo, María José Caride, alegando que o seu departamento non ten coñecemento desa cuestión, e cun "silencio clamoroso", segundo apuntou Igrexas, por parte da concelleira de Seguridade, Elena Espinosa que tamén estaba presente no Consello da Xerencia. "A falla de respostas por parte do Goberno en algo tan claro, como se teñen os permisos ou non, fala por si propia", ironizou o edil.

Dúbidas da operatividade

A representación sindical dos bombeiros trasladoulle ao BNG, "importantes dúbidas" sobre que o novo espazo en Coruxo reúna as condicións técnicas e operativas necesarias para albergar un parque de bombeiros. Entre outras cuestións, denunciaron a falla dun estudo isocrónico sobre os tempos de resposta, que se lles denegase información sobre o proxecto de reforma e que o Concello non solicitou á representación legal dos traballadores un informe, preceptivo, a respeito do traslado.

Engádese tamén o efecto da "estrutural e gravísima" falla de persoal que arrastra o servizo de bombeiros. "Co actual cadro non hai garantías de que se poidan manter abertos e operativos os dous parques da cidade, o de Teis e o de Balaídos/Coruxo" advertiu Igrexas, lembrando que xa teñen sido numerosas as ocasións nas que sucedeu con anterioridade.  Unha situación que se vai agravar previsibelmente durante o verán por causa dos períodos vacacionais. A este respeito, o bombeiro e delegado sindical, Miguel Ucles, denunciou que durante este verán "Vigo vai dispor coa menor dotación de bombeiros dos últimos cen anos, por detrás de todas as cidades galegas agás Ourense".

Por todo isto, Pérez Igrexas, esixiu da concelleira de Seguridade, Elena Espinosa, pero tamén do rexedor, Abel Caballero, "explicacións sobre este desastre" e instounos a actuar de maneira "seria e responsábel". "Teñen que deixar de xogar cos bombeiros, porque é tanto como xogar coa seguridade das viguesas e dos vigueses", remachou.

O BNG de Vigo cualifica de "improvisación irresponsábel" o traslado do parque de bombeiros a Coruxo