O BNG cualifica de “inaceptábel” que a Xunta deixe sen consulta médica a millares de viguesas e vigueses

montse prado - xabier p igrexas
Xabier P. Igrexas e Montse Prado.

A fronte nacionalista esixirá explicacións no Parlamento ao Conselleiro de Sanidade e urxe unha rectificación que garanta o acceso a asistencia médica de toda a poboación da área de Vigo.

Xabier P. Igrexas: “A enfermidade e os problemas de saúde non van esperar á conveniencia administrativa da Xunta do Partido Popular”.

O BNG cualifica de “inaceptábel” que a Xunta deixe sen consulta médica a millares de viguesas e vigueses

O Bloque Nacionalista Galego rexeitou de maneira contundente a decisión da Xunta de Galiza de restrinxir a atención sanitaria en sete centros de saúde da cidade de Vigo. “Esta medida supón deixar sen consulta médica a moitos millares de viguesas e vigueses”, criticou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.

Igrexas denunciou que “esta situación non se debe a un pico asistencial derivado da sexta vaga de coronavirus, senón que é resutlado directo da política sanitaria do Partido Popular, de recortes e privatización”.

As nacionalistas alertan de que restricións impostas polo Sergas van empurrar a “saturar o Punto de Atención Continuada, que xa estaba no límite, e tamén as urxencias hospitalarias nun momento de propagación explosiva da Covid19”.

“É absolutamente intolerábel que as políticas sanitarias do PP volvan supoñer un risco claro para a saúde das viguesas e vigueses, polo que desde o BNG esiximos unha inmediata rectificación”, manifestou o portavoz municipal nacionalista. “A enfermidade e os problemas de saúde non van esperar á conveniencia administrativa da Xunta do Partido Popular”, remachou.

Desde o Bloque urxen a posta en marcha de medidas de reforzamento da Atención Primaria para robustecer a rede sanitaria pública e evitar o seu colapso. “Non hai xustificación para que nesta altura, despois das reiteradas advertencias, a decisión política do Goberno galego de Feixóo deixe sen médico de familia a millares de persoas na maior cidade de Galiza”, reprochan.

Estamos fartas e fartos de que a área de Vigo continuemos a ser a zona cero da desfeita sanitaria”, enfatizou Igrexas.

Accións no Parlamento galego

O BNG vén de solicitar a convocatoria urxente da Deputación Permanente do Parlamento galego coa fin de convocar un Pleno extraordinario no que compareza o conselleiro de Sanidade para dar conta das medidas adoptadas diante da “gravísima situación de colapso na que se atopa a Atención Primaria, en especial na área sanitaria de Vigo”.

Neste sentido, a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, cualifica de “inaceptable” a decisión do Goberno do PP de suspender a actividade asistencial e deixala reducida a casos COVID e urxencias en 14 centros de saúde desta área sanitaria, unha decisión que, segundo advirte, “deixa ás e aos profesionais vendidos, sen mans para atender tanta demanda”, supón “un grave risco para a saúde das persoas con outras patoloxías que quedan sen atender” e aumenta “a desesperación de profesionais e doentes”, transferindo “ a presión a PACs e Urxencias hospitalarias, que xa están ao límite”.

“O BNG ten moi claro que esta dramática situación é consecuencia de 12 anos de recortes e de non tomar medidas; 12 anos de desestimento do PP á hora de actuar”, reproba para a continuación engadir que “a improvisación e a falta de planificación que ten caracterizado ao Goberno de Núñez Feixóo durante toda a pandemia volve a poñerse de manifesto”.

A deputada nacionalista considera urxente a comparecencia do titular de Sanidade para que a Xunta dea contas “de cal é a alternativa que lle dá á cidadanía para ser atendida porque -recalca- a saúde das persoas non pode agardar”. Nesta liña reclama tamén ao Goberno do PP que explique “a que agarda para poñer en marcha medidas estruturais como é aumentar o orzamento da Atención Primaria ata chegar ao 25%, poñer en funcionamento as carteiras de servizo de todas as categorías profesionais ou incorporar novas categorías imprescindibles como son as de psicólogxs clínicxs, terapeutas ocupacionais, logopedas ou traballadorxs sociais” ou como vai rematar “coa precariedade na contratación que ten como consecuencia que a metade das e dos profesionais que remataron o MIR de Familia e Comunitaria non estean traballando na Atención Primaria”.  
 

O BNG cualifica de “inaceptábel” que a Xunta deixe sen consulta médica a millares de viguesas e vigueses