PLENO EXTRAORDINARIO POLO CASO ENCHUFE
O BNG de Vigo censura que o PSOE se comporte igual que o PP fronte a corrupción
A fronte nacionalista critica que o grupo municipal socialista votara en contra de condenar no Pleno o maior caso de corrupción na historia do Concello de Vigo, polo “enchufe” da cuñada de Carmela Silva, e que se opoña a despregar medidas fronte ao enchufismo.
Xabier P. Igrexas: “As viguesas e vigueses merecen que se explique como se puideron roubar 108 mil euros do Concello para beneficiar a unha familiar dun membro do Goberno municipal”.
O Bloque Nacionalista Galego lamenta que o PSOE votara en contra de condenar o maior caso de corrupción na historia do Concello de Vigo, durante o Pleno extraordinario celebrado este martes para abordar o caso ‘enchufe’. A fronte nacionalista considera que o grupo socialista decidiu comportarse “como fai o PP” no relativo á corrupción, após negarse a asumir responsabilidades políticas como demandaban as forzas da oposición.
“Quen convocou este Pleno foi o silencio estarrecedor do Goberno municipal”, asegurou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. “É inaceptábel en termos éticos e democráticos que a única resposta diante dunha trama corrupta que roubou 108 mil euros de diñeiro público para contratar en fraude a unha familiar directa dunha destacada membro do Goberno municipal, a través de oito contratos menores cunha empresa que é contratista do Concello, a única resposta sexa unha oportuna afonía do alcalde”, engadiu.
O Bloque cualificou de “indecente” que o goberno de Abel Caballero decida ignorar esta trama corrupta pola que un alto funcionario do Concello de Vigo, con evidentes vínculos co PSOE, foi condenado a cinco anos de prisión polo Tribunal Supremo. “A falla de explicacións diante deste escándalo obriga a reprobar politicamente hoxe á primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, e ao alcalde, Abel Caballero, como máximo responsábel municipal”, explicou Igrexas.
O concelleiro nacionalista apuntou que non abonda co reproche político e demandou tamén depurar responsabilidades cunha comisión de investigación. Aliás, reiterou a necesidade de que casos similares non se volvan repetir, polo que urxiu a creación dunha Oficina Municipal Anticorrupción e a constitución da Comisión de Vilixancia da Contratación, en cumprimento do regulamento orgánico do Pleno.
Igrexas recordou unhas declaracións de Abel Caballero nas que o rexedor cualificaba como “detestábel” a corrupción e esixía responsabilidades por enriba das siglas. “O PSOE tiña que decidir se quería sumarse á exemplaridade ética e ao combate da corrupción sen escusas nin complexos. Mais decidiron facer o mesmo que o PP: meter os seus escándalos de corrupción debaixo da alfombra”, reprochou.