O BNG de Vigo demanda que Concello e Xunta cooperen para converter a antiga estación de bus nun espazo de “utilidade social” para a veciñanza
A fronte nacionalista propón recuperala para usos de carácter veciñal, cultural e social e tamén para instalar un aparcamento disuasorio
Rexeitan as pretensións do Goberno municipal e Xunta de a converter nun “xardín encaixado entre novos viais de tráfico” ou no arquivo da Cidade da Xustiza
Xabier P. Igrexas: “Temos a oportunidade de recuperar ese espazo para atender as necesidades da veciñanza”
O Bloque Nacionalista Galego defenderá no vindeiro Pleno que a antiga estación de autobuses de Vigo se destine a usos de carácter sociocomunitario, para atender as demandas da veciñanza da súa contorna, así como a instalación dun aparcamento disuasorio.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu que “fronte a un Goberno municipal que pide a devolución da parcela para convertela nun xardín encaixado en novos viais de tráfico que van saturar con inda máis vehículos a zona, e unha Xunta que quere utilizala como almacén do arquivo dos xulgados, defendemos que a antiga estación se converta nunha dotación útil para a veciñanza”.
Neste sentido, Igrexas apuntou que nas inmediacións da antiga estación hai unha estrutural e histórica falla de dotacións e servizos de carácter público. “Temos a oportunidade de aproveitar en beneficio da cidade a antiga estación para dotar o barrio de espazos culturais, de uso veciñal e tamén para instalar servizos que atendan as crecentes demandas de carácter social para a mellor atención, por exemplo, das persoas maiores”, argumentou. Aliás, subliñou a importancia de aproveitar o espazo inferior, ocupado polas dársenas de autobuses, para instalar un aparcamento público de carácter disuasorio precisamente a carón da avenida de Madrid, pola que cada día circulan máis de 50 mil vehículos.
Con ese obxectivo a fronte nacionalista demandará, a través dunha emenda á moción do PSOE, “instar ao Goberno municipal a demandar da Xunta de Galiza colaboración para a elaboración dun proxecto de usos, contando coa participación do tecido asociativo e a veciñanza da súa contorna”. Un proxecto de usos, precisan, que permita a utilización das instalacións da antiga estación de autobuses para as destinar a atender as necesidades de carácter sociocomunitario da contorna e a instalación dun aparcamento público disuasorio, o que sería perfectamente compatíbel cunha actuación que mellore a integración urbana da estación e o alargamento de zonas verdes nas súas inmediacións.
“O BNG non aceptamos que haxa que escoller entre converter a antiga estación de buses nunha zona verde illada ou nun almacén de papeis dos xulgados, a veciñanza precisa e merece que se lle dea utilidade social a ese espazo”, remachou Igrexas.