O BNG defenderá no Pleno de Vigo maior participación cidadá fronte á “xordeira autoritaria” de Abel Caballero
A fronte nacionalista traslada unha moción cunha ampla batería de medidas para promover o diálogo social e unha xestión transparente no Concello de Vigo
Elaborar orzamentos participativos, crear Consellos Veciñais ou permitir a intervención de asociacións e colectivos nas sesións plenarias, entre as propostas do Bloque
Xabier P. Igrexas: “O BNG defendemos a necesidade de poñer fin a esta política do aquí mando yo do alcalde, como primeiro paso para devolver o Concello á veciñanza de Vigo”
O Bloque Nacionalista Galego defenderá no Pleno municipal unha ampla batería de propostas para unha maior participación cidadá e unha xestión transparente no Concello de Vigo fronte á “xordeira autoritaria” de Abel Caballero. A fronte nacionalista trasladará unha moción con medidas como elaborar orzamentos participativos, crear Consellos Veciñais ou permitir a intervención de asociacións e colectivos nas sesións plenarias, entre outras.
“Fronte a un Goberno local que confunde a súa lexítima maioría cunha monarquía absolutista, desde o BNG seguimos a defender que democracia non é só votar cada catro anos”, salientou o portavoz municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas, chamando a contar coa opinión da veciñanza e dos colectivos sociais á hora de definir o modelo de cidade, poñendo fin á política do ‘aquí mando yo’ do alcalde.
Igrexas demandou nese sentido a posta en marcha de mecanismos efectivos que faciliten e promovan a participación cidadá na toma de decisións, a través dun novo Regulamento de Participación Cidadá con 7 eixos: permitir a elaboración participativa do orzamento municipal, revitalizar os consellos sectoriais municipais, estabelecer medidas de control popular da acción do Goberno e de dación de contas, mellorar os medios de acceso público á información, crear Consellos Veciñais, regular a concesión de subvencións municipais ao tecido asociativo e avanzar nunha maior descentralización administrativa do Concello alargando os servizos municipais aos barrios e parroquias.
Dende a fronte nacionalista reivindicaron que o Concello volva recuperar a “posición referencial de vangarda” conseguida por impulso do BNG en 1991 coa posta en marcha do Regulamento de Participación Cidadá e de políticas de promoción activa do asociacionismo. “Un exemplo de compromiso por facilitar a participación pública e por facer imperativo o dereito da viguesas e vigueses a seren escoitados e atendidos”.
Represión contra as críticas
O portavoz municipal do BNG lamentou que nos últimos anos a cidade teña sufrido un “grave retroceso” en relación á participación cidadá pola “nula disposición ao diálogo” de Caballero. Aliás, censurou a “represión” contra aqueles colectivos e entidades críticos coa xestión do Goberno local a través de “diversas formas de violencia institucional e admnistrativa pola política do alcalde de comigo ou contra min”.
Por estes motivos, dende a fronte nacionalista propoñen tamén reformar o actual Regulamento Orgánico do Pleno para facilitar a promoción de iniciativas populares e a intervención de asociacións e colectivos nas sesións plenarias, así como o dereito da oposición a formular máis iniciativas. Na mesma liña, reclamou facer obrigatoria a realización anual do Debate do Estado da Cidade, sen convocar nos últimos anos.
“O BNG defenderemos no Pleno a necesidade de poñer fin a esta política do aquí mando yo do alcalde, como primeiro paso para devolver o Concello á veciñanza de Vigo desde a premisa de que o pobo é que máis ordena”, salientou Igrexas, recollendo as “numerosas e reiteradas críticas e denuncias” da veciñanza pola falla de diálogo do Goberno local.
Valedoría da Cidadanía
Outra das medidas defendidas polo Bloque para unha maior participación veciñal pasa polo reforzamento da figura da Valedoría da Cidadanía. A fronte nacionalista pide dotar de capacidade efectiva e autonomía a este organismo, asegurando que a designación conte con consenso e unha maioría reforzada e que as persoas candidatas conten co apoio de máis dun grupo municipal, evitando casos como o recente relevo anunciado polo alcalde. En paralelo, esixen constituír de forma inmediata a Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións do Concello, con carácter obrigatorio, permitindo a participación directa do tecido asociativo para atender as máis de 15.000 queixas e reclamacións presentadas no que vai de mandato “amoreadas nun caixón”.
Xestión Transparente
Dende o BNG consideran tamén “fundamental” que se poña en marcha un Regulamento de Xestión Transparente no Concello de Vigo con medidas de monitorización pública e acccesíbel da xestión municipal. Entre elas, propoñen a creación dun visor económico web que permita a cidadanía coñecer con detalle o grao de execución do orzamento, así como regular o uso de recursos públicos para gastos de carácter publicitario.
CONSULTA AQUÍ A MOCIÓN COMPLETA