O BNG de Vigo demanda uns orzamentos participativos no Concello para o 2024

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista reitera a necesidade de elaborar as contas municipais contando coas propostas da veciñanza e do tecido social para decidir o destino dos recursos públicos

Xabier P. Igrexas: “Son o mellor antídoto fronte ao total abandono dos nosos barrios e parroquias, fronte a esta política de grandes anuncios e propaganda e fronte á permanente inexecución orzamentaria do Goberno de Abel Caballero”

O BNG de Vigo demanda uns orzamentos participativos no Concello para o 2024

O Bloque Nacionalista Galego demanda a posta en marcha de Orzamentos Municipais con participación veciñal e do tecido social de Vigo. A fronte nacionalista reitera a necesidade de elaborar as contas do Concello contando coas propostas da cidadanía para decidir o destino dos recursos públicos, a poucas semanas de iniciar a elaboración do proxecto de presupostos para o vindeiro ano 2024.

“É momento de avanzarmos para que a veciñanza e os colectivos sociais participen tamén na definición dun documento chave como os Orzamentos Municipais, que é onde se decide a que imos destinar o diñeiro de todas as viguesas e vigueses, que necesidades se van a atender e de que maneira imos enfrontar os retos e tarefas que ten por diante a nosa cidade”, salientou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

Unha proposta que dende o Bloque xa trasladaron tanto na Comisión Informativa de Orzamentos como no propio Pleno municipal, e que contou sempre coa negativa do actual Goberno local. “Por iso uns orzamentos participativos serán o mellor antídoto fronte ao total abandono dos nosos barrios e parroquias e fronte a un Goberno de Abel Caballero instalado na propaganda e nos grandes anuncios”, valorou Igrexas, que chamou a poñer por diante as necesidades reais das viguesas e vigueses na elaboración das contas.

Así, o voceiro nacionalista reclamou poñer fin a unha política de investimentos que “insiste en concentrar os recursos nuns poucos proxectos no centro da cidade”. Puxo como exemplo a obra do “ascensor de Star Trek” (en referencia ao Halo) que, advertiu, vai camiño de custar preto de 20 millóns de euros ao tempo que “unha parte moi importante da nosa cidade continúa padecendo importantes déficits" tanto na atención dos espazos públicos como na mellora dos servizos do Concello.

Uns orzamentos participativos que, a xuízo das nacionalistas, serán tamén un “instrumento eficaz” para evitar a “permanente” inexecución orzamentaria do Goberno municipal de Abel Caballero. Igrexas lembrou nese sentido que só o pasado ano deixou sen gastar 152 millóns de euros, que cualificou de “152 millóns de promesas incumpridas”, e que se eleva até os 436 millóns no último mandato.

“Fronte a un Goberno que non goberna, a demanda do BNG de poñer uns orzamentos participativos o que pretende é avanzar nese horizonte de devolverlle o Concello á veciñanza para comezar a devolverlle Vigo ás viguesas e vigueses”, remachou o portavoz do BNG.

O BNG de Vigo demanda uns orzamentos participativos no Concello para o 2024