O BNG de Vigo demanda a paralización inmediata da produción de bens que non sexan indispensábeis
Xabier P. Igrexas: “Hai que garantir a protección da saúde e a efectividade da prevención colectiva fronte ao coronavirus, tamén a dos traballadores e traballadoras de PSA e do conxunto da nosa industria”.
A fronte nacionalista mantén unha “colaboración leal” co Goberno municipal e agradece a interlocución aberta por este con todas as forzas políticas da Corporación.
Fan un apelo á “serenidade e a responsabilidade” e recoñecen o “comportamento exemplar” da cidadanía e, especialmente, do persoal sanitario, dos e das traballadoras do comercio alimentación, farmacias e outros estabelecementos esenciais.
O Bloque Nacionalista Galego trasladou esta mañá o seu completo apoio aos traballadores e traballadoras de factorías e centros de traballo, que a pesar de non produciren bens indispensábeis para o confinamento decretado para confrontar a crise sanitaria do coronavirus, están sendo obrigadas e obrigados a acudir aos seus postos de traballo. O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, demandou de Xunta e Goberno español que adopten as medidas necesarias para a paralización “inmediata” de toda a produción de bens que non sexan esenciais, na que inclúe a factoría de PSA e a súa industria auxiliar.
“O BNG defendemos desde o primeiro momento que todas as decisións, incluídas as que atinxen á actividade industrial, deben basearse só en parámetros científico-sanitarios e entendemos que se debe garantir o dereito á saúde aos millares de traballadores e traballadoras da nosa industria”, demandou Igrexas.
O edil nacionalista explicou que en centros como a factoría de PSA concéntrase unha grande cantidade de persoas “sen que polas súas características organizativas e produtivas as empresas poidan estar en condicións de garantir os mínimos preventivos para asegurar a saúde e facer efectiva a prevención colectiva”.
“Na factoría viguesa do grupo PSA traballan arredor de 7 mil persoas e, polo tanto, é unha irresponsabilidade que desde a autoridade competente non se tome de inmediato a decisión de paralizar a produción até termos superado esta crise sanitaria”, afirmou o portavoz municipal do Bloque en Vigo.
Dupla vara de medir
Desde o BNG rexeitaron a “dupla vara de medir” que se está a aplicar nesta cuestión. “Mentres, con razón e con sentido, e atendendo as recomendacións científico sanitarias se decreta o confinamento da poboación e o feche da actividade comercial e da pequena empresa, non podemos entender que se manteña a actividade industrial”.
Igrexas defendeu que “os lucros de grandes empresas transnacionais non poden esta por acima da saúde das traballadoras e dos traballadores, das súas familias e, por extensión do conxunto da poboación”. Neste sentido, considera que “de nada vai valer o confinamento e a prevención colectiva se por atender os caprichos do grande empresariado non se toman medidas coherentes no ámbito da grande industria”, polo que instou á Xunta de Galiza e mais ao Goberno do Estado a adoptaren con celeridade as medidas que foran necesarias.
O portavoz municipal nacionalista fixo tamén mención á situación dos centros de chamadas (call center) que empregan a varios miles de traballadoras e traballadores na nosa cidade e nos que non se estaría a garantir as medidas preventivas necesarias.
Cooperación municipal
O BNG a nivel municipal sigue en estreita colaboración co Goberno local as decisións que se van adoptando, e trasladando propostas ao Comité de Seguimento do Covid-19. Esta mañá, Igrexas participou canda os portavoces das restantes forzas políticas da Corporación dunha xuntanza co alcalde da cidade, Abel Caballero, para poñer en común a situación.
O edil nacionalista agradeceulle ao rexedor a convocatoria do encontro, que se suma ao xa celebrado a semana pasada co portavoz do Goberno, Carlos López Font, e a interlocución aberta que se mantén por parte do executivo local con todas as forzas políticas. Ademais, o BNG ratificouse no seu compromiso de seguir a “cooperar desde a máxima lealdade institucional” co obxectivo de robustecer a resposta municipal perante esta situación crítica.
“É o momento de sumar esforzos, ideas e vontades, para estarmos nas mellores condicións como cidade para vencer a ameaza do coronavirus”, resumiu Igrexas ao remate da xuntanza.
Mensaxe de serenidade orgullo polo comportamento exemplar
Igrexas tamén quixo reiterar unha mensaxe de “absoluta serenidade” apelando a “seguir actuando colectivamente como o estamos facendo, con responsabilidade e atendendo escrupulosamente as medidas que se están adoptar”, demandou. “Esta situación crítica, imprevista e que nunca viviramos esixe que todos e todas sigamos a dar o mellor de nós mesmas e nós mesmos e por iso chamamos á colaboración de toda a poboación para facilitarmos a mellor saída desta crise”, acrecentou.
Aliás, desde a fronte nacionalista quixeron recoñecer o comportamento exemplar do conxunto da cidadanía nestes días e singularmente o dos colectivos que están a garantir as condicións do confinamento. “Temos que expresar o enorme orgullo polo comportamento exemplar tanto do persoal sanitario, que volve demostrar a importancia de termos unha sanidade pública potente e ben dotada, como dos traballadores e traballadoras do comercio alimentación, das farmacias e doutros estabelecementos esenciais”.