#CORONAVIRUS
O BNG de Vigo propón a suspensión de toda a obra pública do Concello
Xabier P. Igrexas: “Non ten sentido manter as obras na cidade como se non pasase nada”.
A fronte nacionalista demanda tamén a atención urxente ás peticións do Comité de Empresa de Vitrasa para garantir as máximas garantías preventivas no bus urbano.
“Non ten sentido manter as obras na cidade como se non pasase nada”, explicou o concelleiro do BNG na cidade, Xabier P. Igrexas. Igrexas subliñou a importancia de facer efectivo o confinamento decretado polo estado de alarma polo que defende reducir ou suspender toda a actividade que non sexa indispensábel. O edil nacionalista quixo recoñecer o comportamento exemplar da cidadanía e volveu apelar ao cumprimento estrito das recomendacións e medidas aprobadas por parte das diferentes administracións.
Vitrasa
Aliás, Igrexas tamén urxiu o Goberno municipal a adoptar as medidas necesarias para atender as demandas do Comité de Empresa de Vitrasa para garantir as máximas garantías preventivas no servizo de autobús urbano. Medidas como a eliminación do pago en efectivo para non manipular moeda e manter a distancia de seguridade, indicar que a subida e baixada de viaxeiros/as se realice pola porta traseira, impedir o acceso á plataforma dianteira e á zona de condución (delimitando o paso mediante cintas) e establecer un límite de aforo que garanta a distancia de seguridade.
Desde a fronte nacionalista seguen en estreita colaboración co Goberno municipal as diferentes medidas adoptadas e continuarán a trasladar propostas e ideas, en clave construtiva, para reforzar a resposta da cidade fronte a crise sanitaria do coronavirus.