O BNG de Vigo demanda que Xunta e Goberno español poñan en marcha un plano de dinamización do aeroporto de Peinador

IMG_20190530_180929_373

A fronte nacionalista defende que o futuro da terminal viguesa pasa por artellar un "sistema aeroportuario galego" que poña fin á competencia "suicida" entre aeroportos galegos. 

O BNG de Vigo demanda que Xunta e Goberno español poñan en marcha un plano de dinamización do aeroporto de Peinador

O BNG valorou negativamente os resultados do aeroporto de Peinador no pasado ano 2019, nos que se rexistra un descenso por volta do dez por cento no número de pasaxeiros e pasaxeiras que sobardou, pola mínima, o limiar do millón. Diante desta situación, o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, demandou un maior compromiso tanto por parte da Xunta de Galiza como do Goberno español, a través de Aena, para potenciar Peinador propoñendo a posta en marcha dun plano de dinamización da terminal viguesa.

Igrexas reitera que o futuro de Peinador pasa por artellar un "sistema aeroportuario galego" que poña fin á competencia entre terminais galegas, e que aposte pola coordinación e a especialización dos tres aeroportos. "Insistir en competir entre aeroportos galegos é unha estratexia suicida para o noso País e para a nosa cidade. O problema de Peinador non é nin Lavacolla nin Alvedro, o competidor real que lle disputa pasaxeiros e pasaxeiros é o Sá Carneiro", advertiu o portavoz municipal nacionalista. Desde o Bloque sinalan a urxencia de poñer en marcha de novo o Comité de Rutas a nivel galego, como espazo para coordinar e sumar esforzos e evitar solapamentos. 

Plano de dinamización

A fronte nacionalista criticou tamén a "falla de apoio" que recibe Peinador tanto por parte da Xunta como do Goberno español, polo que demandan que ambas as dúas administracións cooperen e sumen forzas para poñeren en marcha un plano de dinamización do aeroporto de Peinador. Un plano que incorpore medidas concretas e tamén compromisos orzamentarios para o seu financiamento e que atenda cuestións como a mellora dos acceso á terminal viguesa, a súa conexión intermodal, a apertura as 24h ou o aproveitamento das súas potencialidades no transporte de mercadorías. 

"É inexplicábel que Vigo teña unha mellor conexión por autobús co Sá Carneiro que co seu propio aeroporto", reprochou Igrexas, lembrando que o BNG formulou unha emenda nos orzamentos da Xunta para este 2020 reclamando o financiamento dunha liña de bus exprés e que foi rexeitada polo Partido Popular. 

Igrexas cualificou o aeroporto de "infraestrutura estratéxica" non só para a cidade de Vigo senón tamén "para o conxunto da área metropolitana e a Galiza sur". Emporiso afirmou que "é o momento de facer unha aposta estratéxica, de poñer luces longas e de superar perspectivas curtas", reclamando ao Goberno municipal de Vigo que abandone a "confrontación partidista" e tome a iniciativa en "chave de cidade" para demandar compromisos que potencien Peinador.
 

O BNG de Vigo demanda que Xunta e Goberno español poñan en marcha un plano de dinamización do aeroporto de Peinador