O BNG de Vigo demandará no Pleno o reforzo da Atención Primaria e a normalización da asistencia presencial

sanidade

Denuncian que a falla de medios humanos e materiais compromete a capacidade e calidade asistencia da sanidade pública na área de Vigo.

A moción do Bloque rexeita a recente reforma da Lei galega de saúde, urxe a axilización dos procesos de vacinación e demanda que Xunta e Goberno español destinen os fondos de recuperación a reforzar a sanidade pública.

Xabier P. Igrexas: “É inaceptábel que haxa viguesas e vigueses que cando solicitan cita co seu médico ou médica, só teñan opción de telefónica e lla dean para doce ou trece días despois”

O BNG de Vigo demandará no Pleno o reforzo da Atención Primaria e a normalización da asistencia presencial

O Bloque Nacionalista Galego demandará a través dunha moción no vindeiro Pleno do Concello de Vigo, que se celebrará este mércores, a “plena recuperación do sistema sanitario público”. A iniciativa demanda o reforzo urxente da Atención Primaria con máis persoal, a normalización da atención presencial nos centros de saúde ou a axilización do procesos de vacinación.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, en rolda de prensa sinalou que a rede sanitaria na área de Vigo xa presentaba “importantes dificultades” con anterioridade ao inicio da pandemia do coronavirus, que se viron agravadas por esta e tamén pola “nefasta xestión” realizada pola Xunta de Galiza.

Igrexas lembrou que foron as “deliberadas políticas do PP de recorte e privatización” as que converteron a área de Vigo na “zona cero da desfeita sanitaria”, exemplificando o modelo privatizado e recortado do hospital Álvaro Cunqueiro, a negativa a incorporar na rede pública a Povisa, o desmantelamento parcial do Meixoeiro ou a dilación e recorte á metade do novo centro de saúde da vila de Bouzas.

Atención Primaria

Unha situación especialmente grave no que atinxe á Atención Primaria que vive, segundo apuntou o portavoz municipal nacionalista, un “momento límite e de evidente sobrecarga”.  Neste sentido, denunciou que a xeneralización da atención telefónica ten provocado importantes listas de agarda e limita a calidade asistencial. “É inaceptábel que haxa viguesas e vigueses que cando solicitan cita co seu médico ou médica, só teñan opción de telefónica e lla dean para doce ou trece días despois”, exemplificou. Aliás, alertan de que para alén do malestar que produce entre veciñanza e persoal sanitario, esta situación “é un estímulo para que se acuda á sanidade privada, incrementando as desigualdades no acceso á atención sanitaria”.

No cerne do problema a fronte nacionalista sinala a “falla de medios humanos e materiais”, que “compromete a capacidade de atención e a calidade asistencia na sanidade pública na cidade e área de Vigo”. “Diante da entrega e o compromiso demostrada polo persoal sanitario a resposta non foi aumentar os medios senón reducilos e insistir na precariedade”, reprochan. Unha cuestión que, para o Bloque, fica patente no feito de que a proposta do Sergas a persoal MIR e EIR sexan “contratos ultraprecarios de quince días”.

Desde o BNG critican tamén con dureza a reforma da Lei galega da saúde “imposta polo PP sen ningún tipo de diálogo” e que en lugar de robustecer a capacidade da sanidade pública galega, apostou por recortar dereitos fundamentais cun réxime de sancións “represivas e desproporcionadas”. “É irracional que a Xunta do PP crea que a saúde fronte o virus se defende con multas e non con máis médicas, con máis enfermeiras ou con máis terapeutas”, sentenza Igrexas.

Medidas

A moción nacionalista recolle unha serie de propostas concretas entre as que se inclúe a demande de máis medios para normalizar o funcionamento dos centros de saúde recuperando as consultas presenciais, o despregamento dun plan para frear as listas de espera, e que se reforcen e axilicen os dispositivos de vacinación. Outra das cuestións que inclúen na iniciativa é a esixencia de poñer fin “á política laboral de inestabilidade e precariedade que o PP instalou no Sergas”, así como promover que o Concello de Vigo exprese o seu rexeitamento á reforma da lei galega de saúde.

Por último, a fronte nacionalista defende que Xunta e Goberno español destinen tamén os fondos extraordinarios de recuperación fronte á Covid “ao reforzo da sanidade pública”. “Estes recursos adicionais teñen que servir para fortalecer os servizos públicos e non apenas para encher os petos do Ibex35”, explicitou Igrexas.

O BNG de Vigo demandará no Pleno o reforzo da Atención Primaria e a normalización da asistencia presencial