O BNG de Vigo denuncia o estado de abandono da praza do Balado tras un ano coas obras paralizadas
A fronte nacionalista pide ao Goberno municipal que aclare se recibiu o informe de Patrimonio, pola aparición de restos arqueolóxicos, e coñecer cando se van retomar os traballos de humanización
Xabier P. Igrexas: “Un exemplo máis da política de grandes titulares de Caballero, que unha vez marchan os focos da propaganda o que queda é a escuridade do abandono”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia o estado de “abandono” da praza do Balado, entre as rúas Rosalía de Castro e Areal, un ano despois de que se paralizaran as obras de humanización. A fronte nacionalista demanda ao Goberno municipal que aclare se recibiu o informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza, após a aparición de restos arqueolóxicos, e pide coñecer cando se van retomar os traballos na zona.
“Este ámbito está nun estado de completo abandono, convertido nun vertedoiro de lixo e nunha xincana inaccesíbel para o paso peonil con valados tirados e oxidados”, lamentou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, recollendo queixas da veciñanza que demanda recuperar este ámbito e que impediu a talla do arboredo de grande porte proxectada inicialmente polo alcalde, Abel Caballero.
Igrexas chamou a garantir a limpeza, a seguridade e a accesibilidade da praza do Balado, un lugar utilizado por crianzas e familias como espazo lecer ao aire libre, como vén reclamando a veciñanza da contorna “desde hai moito tempo sen obter ningunha resposta”. Por estes motivos, dende o Bloque interpelaron ao Goberno local para que explique cando van finalizar as obras de humanización, previstas para decembro de 2023.
“Estamos diante dun exemplo máis da política de grandes titulares e fotografías de Abel Caballero, que unha vez marchan os focos da propaganda e o autobombo o que queda é a escuridade do abandono”, valorou o portavoz municipal do BNG.