O BNG de Vigo denuncia que Caballero pretende enterrar case 40 millóns no macrotúnel da Porta do Sol

Xabier P Igrexas, portavoz municipal BNG Vigo
Xabier P Igrexas, portavoz municipal BNG Vigo, coa licitación do proxecto

A fronte nacionalista insiste no “innecesario” desta obra após 5 anos sen tráfico na zona e pide estudar alternativas para manter a peonalización total até o Paseo de Afonso

Asegura que a prolongación do túnel polo Barrio do Cura foi unha demanda da promotora da urbanización VIP para asumir con diñeiro público o vial de conexión con Torrecedeira

Xabier P. Igrexas: “Se Fraga tivo a Cidade da Cultura, Abel Caballero quere un mausoleo subterráneo en forma de millonario macrotúnel”

O BNG de Vigo denuncia que Caballero pretende enterrar case 40 millóns no macrotúnel da Porta do Sol

O Bloque Nacionalista Galego denuncia que o macrotúnel da Porta do Sol e a súa prolongación no Barrio do Cura vai custar arredor de 40 millóns de euros. A fronte nacionalista reacciona así ás declaracións deste luns do alcalde de Vigo, Abel Caballero, nas que cifrou en 20 millóns de euros a prolongación do inacabado túnel dende a Portal do Sol até Torreceira que, a xuízo do BNG, é unha obra “absolutamente innecesaria e inxustificada”.

“Durante os últimos 5 anos vimos como o quilómetro cero da cidade puido estar sen tráfico rodado, nin en superficie nin soterrado, convertendo a Porta do Sol nunha grande praza peonil sen que se producise a apocalipse que anunciaba o PSOE para xustificar esta obra”, defendeu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, reprochando ademais que non se coñece o estado actual da execución desas obras.

Igrexas lembrou que o proxecto inicial de túnel entre Porta do Sol até Elduayen licitouse en 13,4 millóns de euros, que se elevaron até os 16,6 o pasado ano. O prazo para finalizar esta obra iniciada en xaneiro de 2020 era de dous anos, pero a día de hoxe é “un cemiterio de formigón tapado coa humanización da Porta do Sol, inda por rematar, e un amaño precario e provisional na rúa Elduayen”.

Sobrecusto do 63% na prolongación do Barrio do Cura

Dende o BNG criticaron que agora se sume un sobrecusto do 63% na prolongación do túnel até Torrecedeira, atravesando a futura urbanización do Barrio do Cura, pasando dos 12,2 millóns de euros da licitación inicial aos 20 millóns anunciados polo alcalde. “Se Fraga tivo a Cidade da Cultura, Abel Caballero quere un mausoleo subterráneo en forma de millonario macrotúnel”, ironizou Igrexas, cualificando de “bestialidade” que as dúas fases do túnel se disparen até case os 40 millóns de euros.

“A pregunta que xorde nesta altura é a mesma que o BNG formulamos en solitario en 2019, cos votos en contra de PSOE e do PP a unha moción coa que tentabamos frear este disparate: para que precisamos dun túnel? E agora, engadimos, para que precisamos de dous?”, cuestionou o portavoz municipal nacionalista.

Alternativas ao macrotúnel

Dende o BNG anunciaron neste sentido a proposta, que van trasladar na vindeira Comisión Informativa de Fomento, de constituír unha mesa de especialistas para o estudo de opcións alternativas á do macrotúnel de Caballero, que permitan manter a peonalización total da Porta do Sol e estendela até a rúa Elduayen e o Paseo de Afonso.

A este respecto, criticaron a falla de respostas do Goberno local sobre a necesidade deste túnel, defendendo que o soterramento do tráfico é unha medida “insustentábel” en termos ecolóxicos. “Do que se trata é de reducir o uso do vehículo privado despregando un modelo de mobilidade alternativa e non de meter os coches por debaixo, que seguen contaminando e producindo ruído”, afeou Igrexas.

Demanda da promotora do Barrio do Cura

Dende a fronte nacionalista revelaron ademais que a prolongación do túnel até Torrecedeira foi unha demanda da propia promotora privada da urbanización VIP do Barrio do Cura, trasladada en setembro de 2021. “É claro que o deseño do túnel inicial era un absoluto despropósito e unha navallada na rúa Elduayen que ía impedir a peonalización do Paseo de Afonso e que ía ter evidentes prexuízos para a veciñanza da contorna, incluído o Barrio do Cura”, valorou Igrexas. Porén, denunciou que a solución é que se pague con diñeiro público, e non a cargo dun convenio urbanístico, a continuación do túnel que, en grande medida, vai substituír o novo vial de conexión que si que tería que pagar a propia promotora. 

O BNG de Vigo denuncia que Caballero pretende enterrar case 40 millóns no macrotúnel da Porta do Sol