O BNG de Vigo rexeita que a Xunta subvencione un aparta-hotel de luxo no Paseo de Afonso
A fronte nacionalista esixe unha rectificación da política de vivenda para atender a situación de emerxencial habitacional que padece a cidade na que se produce, de media, un desafiuzamento cada día
Xabier P. Igrexas: “En lugar de subvencionar un estabelecemento turístico VIP con impoñentes vistas á ría, o que ten que facer o Goberno galego é dotar a maior cidade de Galiza dun parque público de vivenda protexida e social”
O Bloque Nacionalista Galego vén de reiterar a súa total oposición a que a Xunta de Galiza subvencione con case 700 mil euros un aparta-hotel de luxo en pleno Paseo de Afonso, na cidade de Vigo, a cargo dos fondos Xacobeo-Next Generation.
Para o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, “é vomitivo, polo que ten de insultante e insensíbel, que o Goberno galego dedique inxentes recursos públicos a seguir promocionando o boom especulativo do aloxamento turístico en Vigo”. Neste sentido, subliñou que os prezos de alugueiro na cidade non deixan de subir e prodúcese, de media, un desafiuzamento cada día sen alternativa habitacional, mentres os pisos turísticos xa son máis de 2 mil.
Igrexas lembrou que o BNG xa denunciou esta “escandalosa subvención” o pasado mes de agosto a través da nosa representación no Parlamento galego, e esta mañá a fronte nacionalista sumouse ao reclamo expresado polo colectivo Os Ninguéns e outras entidades sociais, que realizaron unha concentración diante do edificio para esixir unha rectificación por parte da Xunta do Partido Popular.
“En lugar de subvencionar un estabelecemento turístico VIP con impoñentes vistas á ría, o que ten que facer o Goberno galego é despregar unha enérxica política de vivenda que dote a maior cidade de Galiza dun parque público de vivenda protexida e social”, reclamou. A principiar, acrecentou o portavoz municipal nacionalista, por dotar Vigo dun programa de “vivendas de emerxencia habitacional para as numerosas familias que son expulsadas das súas vivendas por non poder facer fronte a hipotecas e alugueiros a prezos imposíbeis” para as clases populares e traballadoras.
Mobilizar vivendas baleiras
A fronte nacionalista insiste na necesidade dun xiro de 180 graos nas políticas de vivenda do Goberno galego. “Subvencións si, pero para mobilizar as máis de 20 mil vivendas baleiras que existen arestora en Vigo e poñelas ao servizo da xente”. Subvencións que permitan, explicaron, que “deixe de haber tantas casas sen xente ao tempo que cada vez é máis a xente que non atopa unha vivenda na que poder residir” nunha cidade na que xa son máis de 7 mil as familias rexistradas como demandantes de vivenda protexida e social e que continúan a ser ignoradas polo executivo de Alfonso Rueda.