O BNG avanza unha vintena de encontros veciñais por un novo modelo de mobilidade e bus en Vigo
A fronte nacionalista vai percorrer os barrios e parroquias coa súa campaña ‘Máis buses, menos multas’ ante a “oportunidade” que abre a fin da concesión de Vitrasa en 2025
Cualifica de “broma pesada” que a única medida do Goberno de Caballero na Semana Europea da Mobilidade sexa facer gratuíto o bus turístico cando aínda non se recuperaron máis de 250 frecuencias do transporte urbano recortadas desde 2019
Xabier P. Igrexas: “A única simpatía que ten o alcalde pola mobilidade alternativa ao coche é a súa complicidade sen límites coa dirección empresarial de Vitrasa”
O Bloque Nacionalista Galego avanza unha vintena de encontros veciñais por un novo modelo de mobilidade e de bus urbano en Vigo. A fronte nacionalista vai percorrer nos vindeiros meses os barrios e parroquias coa súa campaña ‘Máis buses, menos multas’, cun decálogo de medidas para revolucionar o transporte na cidade ante a “oportunidade” que abre a fin da concesión de Vitrasa en xuño de 2025.
“Diante dun Goberno de Abel Caballero que nos quere seguir condenando a ser unha cidade na que utilizar o coche é case obrigatorio, e cun modelo de Zonas de Baixas Emisións baseado en restricións e multas a quen non se poida permitir un coche híbrido ou eléctrico, o BNG queremos facer da mobilidade un dos principais eixos da nosa acción durante este curso político”, afirmou o portavoz municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas.
Con esta campaña, explicou, o Bloque quere dar a coñecer as súas alternativas para un xiro radical na mobilidade de Vigo, potenciando o uso do transporte colectivo, democratizando o espazo público para que as persoas gañen espazo sobre os coches, e “avanzar desta maneira cara a unha cidade máis habitábel, segura e moito máis verde”.
A este respecto, Igrexas cualificou de “broma pesada” que a única medida do Goberno local na Semana Europea da Mobilidade sexa facer gratuíto o bus turístico. “É unha demostración máis da súa nula política de mobilidade e do seu desprezo polo transporte público”, afeou o portavoz nacionalista.
Dende a fronte nacionalista demandaron, en contraposición a esa “medida ridícula”, que se recuperen as máis de 250 frecuencias de bus urbano suprimidas desde 2019; alagar a mellora dos servizos nocturnos; despregar novas lanzadeiras para conectar o hospital Álvaro Cunqueiro; facer gratuíto o bus durante todo o ano para as persoas menores de 14 anos e desempregadas de baixos recursos. “Iso si que serían compromisos concretos e unha aposta real polo transporte público”, defendeu Igrexas.
Decálogo de medidas da campaña ‘Máis buses, menos multas’ do BNG de Vigo:
1. Máis frecuencias e mellores horarios de bus
2. Un novo mapa de liñas.
3. A posta en marcha dunha liña CERO que conecte Navia até Teis.
4. A mellora da conexión cos hospiatis, co campus universitario e outros servizos públicos
5. Máis e mellor servizo nocturno
6. Promover a intermodalidade
7. Facer gratuítos dous transbordos por horarios
8. Reducir o prezo do billete e máis bonificacións
9. Remunicipalizar o servizo, para que sexa xestionado por unha empresa pública
10. Despregar unha alternativa integral de Zonas de Baixas Emisións “que non sexa a mala copia de Madrid Central que quere impoñer Caballero”.
CONSULTA AQUÍ MÁIS INFORMACIÓN SOBRE A CAMPAÑA 'MÁIS BUSES, MENOS MULTAS'