O BNG de Vigo denuncia a pretensión de Caballero de impoñer o "rodete antidemocrático" no Pleno de Organización
A fronte nacionalista critica que o PSOE monopolice 12 das 13,5 dedicacións retribuídas, que non teña asignado persoal de apoio aos grupos da oposición nin designado membros para a Xerencia de Urbanismo e o resto de organismos con representación do Concello
Xabier P. Igrexas: “O alcalde quere comezar o mandato incumprindo a lei negándose de novo a constituír a Comisión de Vixilancia da Contratación a pesar de ser obrigatoria”
_Sobre a folga no servizo de bus urbano, o BNG esixe ao alcalde que deixe de actuar como "lacaio de Vitrasa" e que se implique para desbloquear a negociación laboral
O Bloque Nacionalista Galego denuncia a pretensión de Abel Caballero de impoñer o "rodete antidemocrático" no Pleno de Organización do Concello de Vigo, convocado para este vindeiro luns. A fronte nacionalista critica que o PSOE monopolice 12 das 13,5 dedicacións retribuídas, así como que non teña asignado persoal de apoio aos grupos da oposición nin designado membros para a Xerencia de Urbanismo e o resto de organismos con representación do Concello.
“O grupo de Goberno non tivo a máis mínima intención de dialogar e acordar cuestións fundamentais para garantir uns mínimos democráticos no funcionamento do Concello, que respecten a pluralidade das viguesas e dos vigueses expresada no resultado electoral do pasado 28 de maio”, cuestionou o Portavoz municipal nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas, que anunciou a formulación de catro votos particulares do BNG para emendar esta “chapuza”.
Igrexas afeou que das 13,5 dedicacións das que vai dispoñer a nova Corporación municipal, o grupo socialista se reserve 12, deixando ao BNG tan só cunha dedicación parcial. Na mesma liña, lamentou que dos 20 postos de persoal eventual e de confianza acordados pola Xunta de Goberno local, ningún deles foi asignado aínda aos grupos da oposición.
“As moitas viguesas e vigueses que non votaron Abel Caballero teñen tamén que ter voz e un voto decisivo”, afirmou o portavoz nacionalista, que lembrou que a oposición “xoga un papel fundamental no funcionamento democrático de calquera institución pública”. Reiterou nese sentido a demanda para que se faciliten recursos e medios efectivos para poder desempeñar ese papel aos grupos da oposición.
Sen representación nos organismos
Dende o BNG advertiron ademais por escrito o alcalde de que, na orde do día para o Pleno de Organización, é necesario incluír a designación de membros para os diferentes organismos con representación do Concello. Nomeadamente, asegurou Igrexas, no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, que vería “comprometida” por este motivo a súa posta en funcionamento.
Do mesmo xeito, o portavoz do Bloque chamou ao Goberno municipal a incorporar tamén a designación de representantes do Concello en organismos como o Ifevi, a Zona Franca, a Mancomunidade, os padroados dos museos Marco e Quiñones de León, entre outros órganos, un asunto que a lei establece de “maneira clara” que é unha competencia do Pleno. “Unha representación que ten que ser proporcional e plural, porque o Concello de Vigo é moito máis que o grupo municipal socialista”, advertiu Igrexas.
“Que quere esconder Abel Caballero?”
O portavoz nacionalista alertou sobre a preocupante decisión do Goberno de Abel Caballero de volver incumprir o Regulamento Orgánico do Pleno e a normativa estatal negándose a constituír a obrigatoria Comisión de Vixilancia da Contratación, tal como ocorreu no anterior mandato. “O BNG consideramos que sería un instrumento moi importante para fiscalizar de maneira efectiva as contratacións, nomeadamente eses contratos menores que teñen servido nalgúns casos para algún sonado caso de corrupción neste mesmo Concello”, asegurou.
Unha Comisión cuxo obxectivo, salientou, é combater con maior eficacia calquera tentativa de enchufismo ou práctica irregular. “Que é o que quere esconder Abel Caballero? Que é o do que non quere que nos enteramos a oposición?”, interpelou o voceiro do BNG de Vigo.
“Lacaio de Vitrasa”
Dende a fronte nacionalista afearon ademais as declaracións realizadas polo alcalde “criminalizando” o persoal de Vitrasa, que este venres volveu manifestarse en Vigo nunha nova xornada de folga. Nese sentido, Igrexas esixiu a Abel Caballero que deixe de actuar como "lacaio de Vitrasa" e que se implique para desbloquear a negociación do convenio colectivo nun servizo “esencial” de titularidade municipal como o bus urbano.
"Quen ten de refén a cidade non son os traballadoras e traballadores exercendo o seu dereito á folga, senón a posición inaceptábel de Vitrasa e a complicidade de Caballero" reprochou o portavoz do BNG en resposta ás afirmacións do alcalde. Reclamou no mesmo sentido que deixe de consentir os recortes e os incumprimentos no servizo de bus, que hoxe conta con menos frecuencias que antes da pandemia.