O BNG de Vigo chama a unha participación masiva na manifestación do Orgullo LGBT
A fronte nacionalista anima ás viguesas e vigueses a “enviar unha mensaxe contundente fronte aos discursos de odio da dereita e ultradereita españolista que alentan a LGBTfobia”
Critican a falla de compromiso do Goberno municipal de Abel Caballero e denuncian os “atrancos arbitrarios” que se puxeron para a realización da festa reivindicativa desta noite na Porta do Sol
Xabier P. Igrexas: “O Concello de Vigo ten que axir como un verdadeiro dique de contención contra os discursos do odio para garantir o dereito das viguesas e vigueses a facer valer a súa liberdade sexual e a diversidade de identidades”
O Bloque Nacionalista Galego vén de facer un chamamento ás viguesas e vigueses a participar masivamente na manifestación polo Orgullo LGBT que se celebrará este sábado, a partir das 20:30h desde A Dobrada, organizada pola Asociación Nós Mesmas e Avante LGBT. O BNG e a súa organización xuvenil, Galiza Nova, participarán cunha comitiva da que farán parte, entre outros, o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, o candidato ao Congreso, Brais Ruanova, e mais a deputada no Parlamento galego, Carmela González.
“Nun momento no que estamos a ver como se radicalizan os discursos de odio promovidos pola dereita e a ultradereita españolista a cidadanía temos que enviar unha mensaxe contundente reivindicando Vigo como unha cidade orgullosamente diversa”, afirmou Xabier P. Igrexas.
Desde a fronte nacionalista defenden que o combate de todas as formas de LGBTfobia, desde as máis sutís até as máis violentas, ten que ser unha verdadeira prioridade política.
“Non podemos tolerar que se sigan producindo situación de acoso, de discriminación e mesmo de violencia contra persoas pola súa condición sexual ou a súa identidade de xénero”, afirmou o portavoz municipal nacionalista
Nese sentido, desde o BNG reclaman un maior compromiso por parte do Concello de Vigo, tanto no simbólico como no práctico, para “afirmarmos con rotundidade que estamos orgullosas e orgullosos de sermos unha cidade diversa, inclusiva e integradora”. Un compromiso que ten que traducirse en medidas concretas e en poñer os recursos necesarios para avanzarmos, a través da sensibilización e do apoio ao colectivo, na erradicación da LGBTfobia.
Igrexas defende que “o Concello de Vigo ten que axir como un verdadeiro dique de contención contra os discursos do odio para garantir o dereito das viguesas e vigueses a exercer e facer valer a súa liberdade sexual e a diversidade de identidades”. Polo que considera “incomprensíbel” que a maior cidade de Galiza, cun Goberno municipal que se di progresista, non dispoña dun servizo de atención e apoio ao colectivo LGBT.
Críticas ao Goberno municipal
Desde o BNG reiteraron as súas críticas, precisamente, pola falla de compromiso por parte do Goberno de Abel Caballero nesta materia e que, segundo as nacionalistas, xa quedou en evidencia no feito de ter “esquecido” pendurar a bandeira do arco da vella no Concello o pasado 28 de xuño, que só sería colocada tras a denuncia pública realizada polo Bloque.
A ese feito vén de engadirse outro “máis grave”, en palabras de Igrexas, aludindo aos atrancos que se puxeron desde o Concello para a realización da festa do Orgullo que se vai realizar esta noite na Porta do Sol. Tal e como denunciaron publicamente os colectivos organizadores, o Concello demorou até o límite a concesión da autorización malia ser tramitada con moitas semanas de antelación e acabou impoñendo, de maneira arbitraria, que o evento ten de concluír á 1:00 en lugar das 3:00 da noite, cando xa estaba fechada e anunciada toda a programación de actuacións.
“O que tería que facer o Concello é implicarse para apoiar de verdade este tipo de actos reivindicativos en lugar de poñer obstáculos a través da violencia administrativa”, esixiu Igrexas.