O BNG de Vigo denuncia as deficiencias e mal funcionamento do pavillón de Quirós en Sárdoma
A fronte nacionalista sinala que a falla de mantemento nunha instalación inaugurada hai dous anos fai que continúen as pingueiras ou que non haxa auga quente nos vestiarios, e denuncia a non reposición de mobiliario e elementos deportivos defectuosos e a insuficiencia de horarios de apertura
Filipe Abalde: “O Goberno de Caballero anda moi lixeiro para a foto e as infografías, pero son enormemente lentos para resolver cuestións como garantir que haxa auga quente nuns vestiarios, isto é o que lle importa en realidade o deporte de base”
Desde o Bloque Nacionalista Galego volven criticar a “nefasta política deportiva” do Goberno municipal de Abel Caballero, sinalando expresamente ao responsábel de Deportes, o concelleiro Manel Fernández. Desta volta, a fronte nacionalista denuncia publicamente as deficiencias e mal funcionamento do pavillón deportivo de Quirós, en Sárdoma.
O concelleiro do BNG, Filipe Abalde, volveu sinalar a falla de mantemento e da insuficiencia de horarios e servizos nesta instalación deportiva que motivan reiteradas queixas por parte das persoas usuarias.
Abalde lembra que o pavillón de Quirós, leva apenas dous anos en funcionamento, e que malia recibir un investimento de 3,5 millóns de euros, o seu chan de parqué xa tivo que ser substituído aos poucos meses da inauguración por filtracións de auga deixando a instalación inutilizábel durante meses. “Arranxouse o chan pero non as deficiencias da cuberta polo que as pingueiras a día de hoxe persisten co risco de que vaian en aumento cando se aproximen as épocas de chuvias, demostrando a falla de xestión por parte da concellaría de Deportes”, explica.
Sen auga quente
Outra das deficiencias é a falla de subministro de auga quente nos seus vestiarios, que ten sido subsanada de maneira intermitente pola demanda insistente das persoas usuarias, pero que non se resolveu de maneira definitiva. “A día de hoxe os nenos e nenas volven a non dispñer de auga quente tras os seus adestramentos”, advirte o edil nacionalista.
A falla de mantemento e abandono que padece o pavillón fai que o seu mobiliario e superficies presenten falla de limpeza e ou dan lugar a situacións “dantescas”, en opinión de Abalde, como que “as canastras parecen ter vida propia porque van perdendo altura a medida que se practican os tiros”.
Desde a fronte nacionalista insisten tamén na insuficiencia dos horarios de apertura, que fica condicionada a un número mínimo de partidos na xornada, o que provoca o traslado forzoso a outras instalacións de equipos que adestran habitualmente en Quirós. Unha situación que, denuncian, ten causa no camiño privatizador que escolleu este goberno de Abel Caballero externalizando o feche e apertura das instalacións deportivas para favorecer a a unha empresa privada que presta o servizo de maneira precaria e con reiteradas incidencias.
“O Goberno de Caballero anda moi lixeiro para a foto e as infografías, pero son enormemente lentos para resolver cuestións como garantir que haxa auga quente nuns vestiarios, isto é o que lle importa en realidade o deporte de base”, remacha Abalde, lembrando que o BNG formulou emendas aos orzamentos municipais do vindeiro 2025 para aumentar en 3 millóns de euros as partidas destinadas á política deportiva do Concello, todas elas rexeitadas no Pleno polo PSOE e tamén polo PP.