O BNG pide ao Concello unha “intensa” campaña de promoción do consumo no comercio local de Vigo
A fronte nacionalista demanda maior apoio municipal ao tecido comercial de proximidade ante o continuado peche de tendas na cidade, con máis de 1.100 baixos baleiros
Xabier P. Igrexas: “O comercio local de Vigo está a padecer as graves consecuencias dun modelo que aposta por grandes áreas comerciais que só beneficia a multinacionais”O Bloque Nacionalista Galego pide ao Concello de Vigo que despregue unha “activa e intensa” campaña de promoción do consumo no comercio local. A fronte nacionalista demanda maior apoio municipal ao tecido comercial de proximidade ante o continuado peche de tendas na cidade, que conta hoxe con máis de 1.100 baixos comerciais baleiros.
Así o propuxo este venres o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, acusando ao Goberno de Abel Caballero de “abandonar” a este sector. “O tecido comercial está a padecer as graves consecuencias dun modelo que aposta por grandes áreas comerciais, que só beneficia a empresas multinacionais”, lamentou.
Fronte a esta “alarmante baixada de persianas” de comercios de proximidade no conxunto da cidade, o BNG considera urxente actuar dende o Concello para apoiar a este sector que, destacou Igrexas, dinamiza e vertebra os barrios e parroquias de Vigo, ademais de crear postos de traballo estábeis e dignos.
Este plan de promoción do consumo, explicou o portavoz municipal nacionalista, debe ser o primeiro paso para despregar medidas máis ambiciosas como un Plan de Impulso do Comercio Local. Unha medida proposta polo Bloque nas súas emendas aos Orzamentos Municipais do vindeiro ano 2025, dotado cun mínimo de 350 mil euros, pero que foi rexeitada “sen explicación” polo Goberno municipal.