O BNG de Vigo denuncia graves irregularidades na resposta do Goberno municipal ás alegacións ao PXOM
Advirte de que estes incumprimentos legais poden dan lugar á anulación do Plan e critica a indefensión para a veciñanza, que recibiu a comunicación superado o prazo para reclamación xudicial
Esixe o alcalde que se notifiquen de acordo á lei, reclama a comparecencia da concelleira de Urbanismo e vai trasladar denuncia na Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística
Xabier P. Igrexas: “Caballero acabou de cruzar todas as liñas vermellas tratando as alegacións como papel hixiénico para impoñer o seu PXOM ao ditado dos poderosos intereses de sempre”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia graves irregularidades na resposta enviada polo Goberno de Abel Caballero ás máis de 4.500 alegacións formuladas ao novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo. A fronte nacionalista advirte de que estes incumprimentos legais poden dan lugar á anulación do documento urbanístico e da indefensión para a veciñanza, que recibiu a comunicación superado o prazo para realizar unha reclamación xudicial.
“As notificacións que se están a remitir son unha verdadeira tomadura de pelo e unha aberración do punto de vista administrativo”, valorou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, cualificando ademais de “inxustificada e ilegal” a demora na comunicación cando transcorreron case 6 meses dende a aprobación definitiva do PXOM e máis 1.400 días dende que finalizou o período de información pública.
A veciñanza que formulou alegacións vén de recibir un correo electrónico como resposta que, alertan dende o Bloque, non contén ningún documento oficial nin está asinado por ningunha autoridade competente, como a concelleira de Urbanismo, María José Caride. “Non está debidamente numerado, non identifica o órgano resolutor nin ten data de resolución, só a firma do Xerente de Urbanismo”, cuestionou Igrexas. Tachou a ese respecto de “mailing fake” a notificación, asegurando que incumpre a normativa por ser enviada dende un correo electrónico xenérico en lugar de realizalo a través da sede electrónica oficial do Concello.
Sen resolución motivada
En relación ao contido das respostas, o portavoz nacionalista alertou de que “se limita a copiar e pegar” o extracto do informe técnico elaborado pola equipa redactora, que foi previo á aprobación provisional e, polo tanto, puido ver alterado o seu contido durante a tramitación final do Plan. Igrexas lembrou que a lei estabelece que estas resolucións deben estar motivadas e ademais deben corresponderse co documento definitivo.
Un “novo incumprimento legal” na tramitación do Plan Xeral que, a xuízo da fronte nacionalista, vulnera a Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, os requisitos formais dos actos administrativos e as esixencias para que unha notificación sexa válida. Aliás, incumpre o recollido na Lei do Solo de Galiza no referido a como se debe tramitar un planeamento urbanístico.
Neste sentido, Igrexas subliñou que existe reiterada xurisprudencia por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e do Tribunal Supremo que esixe que todas as resolucións, que decidan sobre pretensións formuladas nun procedemento como é o caso do PXOM, deben cumprir os requisitos formais mínimos para ser consideradas válidas e eficaces.
Por outra banda, o BNG denunciou que esta comunicación xera unha “clara indefensión” á veciñanza que presentou alegacións, porque se realizou despois de que finalizase o prazo legal para presentar reclamación pola vía contencioso-administrativo, que expirou o pasado 3 de novembro. “É unha evidente vulneración do dereito fundamental á tutela xudicial efectiva, recoñecido no artigo 24 da Constitución”, afirmou.
Dar lugar a anulación do Plan Xeral
Estas irregularidades graves coas alegacións xeran tamén inseguridade xurídica sobre o propio planeamento, alertou o portavoz do Bloque, xa que “poden dar lugar á anulación ao debilitar a trazabilidade do procedemento e dar causa motivada para impugnar” o documento urbanístico. Por este motivo, Igrexas avanzou tres accións “concretas e inmediatas” por parte do BNG diante do que volveu cualificar como unha “tramitación opaca e na escuridade dos despachos” do Plan Xeral.
A fronte nacionalista vai remitir un escrito dirixido o alcalde de Vigo, Abel Caballero, como presidente do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, para advertirlle destas irregularidades e esixir que se tramiten novas notificacións de resposta ás alegacións axustada á lei. Por outra banda, o Bloque reclama a comparecencia da edil de Urbanismo para explicar “este desastre” e, ademais, vai formular denuncia por estes feitos perante a Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística.
“Nunca antes un Goberno municipal se atrevera a chegar tan lonxe no incumprimento da lei en relación á política urbanística”, lamentou Igrexas, asegurando que o goberno de Abel Caballero “acabou de cruzar todas as liñas vermellas na súa xestión opaca e absolutamente antidemocrática tratando as alegacións veciñais como papel hixiénico para impoñer ás bravas un PXOM elaborado ao ditado dos poderosos intereses de sempre”.

