O BNG de Vigo denuncia que o Goberno municipal quere legalizar pola “porta de atrás” os chalés VIP en Cabo Estai

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal BNG Vigo, co cambio de planos do pelotazo en Cabo Estai
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal BNG Vigo, co cambio de planos do pelotazo en Cabo Estai

A fronte nacionalista revela que o Goberno de Caballero cambiou a cualificación das parcelas no documento de aprobación provisional do PXOM para permitir este “pelotazo urbanístico” a pé de costa, malia a paralización das licenzas por ilegais o pasado abril

Critica as manobras do Goberno local para dificultar a fiscalización do novo Plan Xeral, impedindo a revisión do ditame das 4.502 alegacións veciñais

Xabier P. Igrexas:
“Estamos diante dunha actuación de claro urbanismo á carta para favorecer os intereses particulares dunha coñecida familia por riba da protección dun espazo natural de grande relevancia e do interese público”

O BNG de Vigo denuncia que o Goberno municipal quere legalizar pola “porta de atrás” os chalés VIP en Cabo Estai

O Bloque Nacionalista Galego denuncia que o Goberno municipal quere legalizar pola “porta de atrás” a urbanización de chalés VIP proxectada a pé de costa en Cabo Estai. A fronte nacionalista revela que o Goberno de Abel Caballero cambiou a cualificación das parcelas no documento de aprobación provisional do novo PXOM para permitir este “pelotazo urbanístico” a pé de costa, malia a paralización das licenzas por ilegais o pasado abril despois das denuncias veciñais e do propio Bloque.

Así o fixo público este luns o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que tachou esta recualificación dos terreos de “aberrante e ilegal”, pasando de ser Solo Rústico de Protección de espazos naturais e de costas, no documento de aprobación provisional, a Solo Urbano Consolidado na aprobación provisional, permitindo edificar vivendas de 2 alturas.

“Estamos diante dunha actuación de claro urbanismo á carta, que neste caso podemos dicir urbanismo con nomes e apelidos para favorecer os intereses particulares dunha coñecida familia por riba da protección dun espazo natural e paisaxístico de grande relevancia e do interese público”, criticou Igrexas.

O voceiro nacionalista considerou que este caso evidencia os motivos da “opacidade e da tramitación na escuridade dos despachos” do novo PXOM. “Agora xa entendemos porque a concelleira de Urbanismo, María José Caride, se negou reiteradamente a informar publicamente dos cambios que se ían introducir de cara a aprobación provisional”, afeou. Igrexas lembrou que o Bloque advertiu dende o inicio que “algo cheiraba a podre” nesta obra, na que se permitiu construír un vial ilegal con licenzas que nunca se deberon ter emitido, tal como ditaminou nun informe “demoledor” a Secretaría Xeral do Concello.

Manobras coas alegacións

Sobre a tramitación do novo Plan Xeral, o portavoz municipal do BNG denunciou tamén as manobras do Goberno municipal para dificultar o labor de fiscalización e revisión por parte das forzas políticas da oposición. Neste sentido, alertou de que aínda non teñen acceso completo ás 4.502 alegacións veciñais formuladas unha semana despois de que se entregase o expediente para a aprobación provisional.

Igrexas explicou que, de maneira “absolutamente incomprensíbel”, o Goberno de Caballero entregou un informe co ditame no que unicamente figuran as alegacións cun número de documento, mais sen indicar o contido e ámbito afectados. Anunciou que este martes, no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo no que vai comparecer “por fin” a equipa redactora, o Bloque esixirá explicacións a esta “nova capa de opacidade” na xestión do Plan.

“Advertimos Abel Caballero de que non vai poder contar nin co acordo, nin co apoio, nin co consentemento do BNG á hora de querer impoñer un PXOM que vai pasar á historia como o maior amaño urbanístico da nosa cidade”, remachou. 

O BNG de Vigo denuncia que o Goberno municipal quere legalizar pola “porta de atrás” os chalés VIP en Cabo Estai