O BNG acusa o Goberno de Caballero de vetarlle o acceso ao expediente da nova indemnización a Vitrasa
A fronte nacionalista anuncia un recurso de reposición contra esta “manobra abertamente ilegal” e pedirá o amparo da Valedora do Pobo
Xabier P. Igrexas: “Caballero non quere que poidamos comprobar con datos e documentos que o seu anuncio do 22 de novembro, sobre o moi avanzado que estaba o reequilibrio económico, era unha cortina de fume para evitar a folga”
O Bloque Nacionalista Galego acusa o Goberno de Abel Caballero de vetarlle o acceso ao expediente municipal sobre a nova indemnización a Vitrasa. Así o denunciou este martes o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, despois de que o Goberno municipal comunicase á fronte nacionalista que impide a consulta da documentación relativa ao presunto reequilibrio económico da concesión de bus urbano, así como a negativa a facilitar ningunha información sobre a súa tramitación e contía.
Igrexas anunciou que o Bloque está xa elaborando un recurso de reposición contra esta “manobra abertamente ilegal”. Aliás, solicitará o amparo da Valedora do Pobo por vulnerar con esta decisión os dereitos fundamentais dos concelleiros nacionalistas recollido no artigo 77 da Lei de Bases de Réxime Local que explicitamente recoñece o dereito destes a obter “cantos antecedentes, datos ou informacións obren en poder dos servizos da Corporación”.
O voceiro nacionalista afeou tamén que esta resolución se emitise fóra do prazo legal e rexeitou os argumentos do Goberno local para esta decisión. “Xustifican este veto alegando que hai pendentes informes preceptivos para resolver o expediente, pero iso non é motivo para impedir que o grupo municipal do BNG poidamos coñecer en que estado se encontra”, reprochou, lembrando que a documentación está dixitalizada e, polo tanto, a consulta da mesma non pode afectar á súa tramitación.
Cortina de fume para evitar a folga
“O único que pretende Abel Caballero é que non poidamos constatar que o anuncio feito por el o pasado 22 de novembro (de que o reequilibrio xa estaba moi avanzado) era unha cortina de fume en favor da empresa”, criticou Igrexas, que considerou que esta declaración só buscaba evitar o inicio da folga no transporte urbano tres días despois. “Unha tomadura de pelo aos traballadores e traballadoras de Vitrasa, que xa levan 18 xornadas de folga indefinida, e ao conxunto da veciñanza da cidade que padece tamén en primeira persoa as consecuencias deste conflito”, engadiu.
A este respecto, o portavoz municipal do BNG interpelou novamente o alcalde para que “deixe de ser un tapón no conflito coa súa descarada complicidade con Vitrasa”. Reclamou, nese sentido, que se coloque do lado do interese público xeral das veciñas e veciños de Vigo, así como das “xustas” reivindicacións do persoal deste servizo público esencial de titularidade municipal, para acadar unha solución despois de case 3 anos de conflito.