O BNG de Vigo alerta do estado “desastroso” das pistas municipais de tenis de Samil
A fronte nacionalista denuncia un “novo episodio de total abandono” das instalacións deportivas do Concello e reitera a urxencia dun Plan de Reforma e Mantemento que reverta o mal estado que presentan moitas
Filipe Abalde: “Hai só dous meses Abel Caballero situaba Vigo como a ‘capital do mellor tenis mundial’ nestas pistas de Samil que levan semanas inutilizadas e precintadas”
O Bloque Nacionalista Galego alerta do estado “desastroso” das pistas de tenis no complexo deportivo municipal de Samil. A fronte nacionalista denuncia que a maioría das pistas levan semanas inutilizadas e precintadas, nun “novo episodio de total abandono” das instalacións deportivas por parte do Concello de Vigo.
“Esta situación volve deixar en evidencia a falla de mantemento e absoluto desleixo do Goberno municipal co deporte vigués”, criticou o concelleiro do BNG de Vigo, Filipe Abalde, que sumou este peche ao mal estado que presentan numerosas instalacións como os pavillóns de Bouzas, Coia ou Quirós, entre outros. Unha situación que, valorou, viuse agravada despois da privatización do persoal funcionario que as atendía.
Abalde afeou nese sentido que o propio alcalde de Vigo, Abel Caballero, situara hai dous meses Vigo como a ‘capital do mellor tenis mundial’ durante a presentación do torneo Vigo Tennis Open que se celebrou nas propias pistas de Samil. “Só pasaron unhas semanas e vemos como están a caer sen que o Goberno municipal mova un dedo para solucionalo”.
O concelleiro nacionalista asegurou que non é o único problema que presentan as instalacións do propio complexo de Samil. Lembrou así o deterioro do ximnasio que se encontra nos baixos da bancada, denunciado o pasado abril polo Bloque, onde contan cun espazo “minúsculo” e cun material “obsoleto”, impedindo a práctica segura por parte do histórico Club de Halterofilia de Vigo.
“Cantas instalacións máis teñen que pechar para que Abel Caballero actúe? Cando vai deixar o alcalde de castigar e desprezar as e os deportistas da nosa cidade?”, cuestionou Abalde. Fronte a esta situación, reiterou a proposta realizada polo BNG nas pasadas semanas de poñer en marcha un Plan de Reforma e Mantemento das Instalacións Deportivas Municipais co obxectivo de reverter o mal estado que presentan moitas. “Este non é un problema de recursos, senón de falla de xestión e de vontade política”, advertiu.