O BNG de Vigo denuncia a ocultación do expediente sobre o deseño do Nadal de 2024
A fronte nacionalista alerta de que o Goberno municipal aínda non facilitou acceso a esta documentación, malia ser obrigatorio despois de que a Xunta de Goberno Local aprobase este pasado venres a programación
Xabier P. Igrexas: “Por máis que Abel Caballero se apunte á desinformación acusándonos de ser unha especie de Grinch, a posición do BNG é desde o inicio tan clara como rotunda: Nadal si, por suposto que si, pero non así”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia que o Goberno de Abel Caballero oculta o expediente sobre o deseño do Nadal deste ano 2024. A fronte nacionalista alerta de que aínda non tivo acceso a esta documentación, malia ser obrigatorio despois de que a Xunta de Goberno Local aprobase este pasado venres a programación desta edición.
"Esta opacidade impide que coñezamos se as medidas anunciadas polo alcalde van ser unha solución real que eviten que o Nadal volva ser un calvario insoportábel para moitas viguesas e vigueses", cuestionou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen tachou esta circunstancia de “abertamente irregular” transcorridos 5 días dende que a proposta foi aprobada polo Goberno local.
Igrexas asegurou que a única resposta desde a Secretaría do Goberno Local foi indicarnos que o servizo de administración electrónica estaba “revisando a incidencia” que, considerou, oportunamente impide que o BNG poida exercer o seu labor de fiscalización en relación a este asunto que suscita “enorme preocupación veciñal” e que provocou sentenzas en contra do Concello de Vigo.
“Por máis que Abel Caballero se apunte á desinformación, que di querer combater o presidente Pedro Sánchez, acusándonos de ser unha especie de Grinch que quere pechar o Nadal, a posición do BNG é desde o inicio tan clara como rotunda: Nadal si, por suposto que si, pero non así”, afirmou.
O portavoz municipal nacionalista lembrou que ninguén cuestiona os actos de celebración do Nadal na cidade, senón a “imposición caprichosa dun modelo que reduce unha parte importante da cidade a un parque temático inseguro e inhabitábel”. Nese sentido, saudou que o alcalde de Vigo recoñeza agora que é necesario realizar cambios para o control efectivo do ruído e para reordenar os diferentes elementos e atraccións.
“Só tardou 5 anos en reparar en que as ordenanzas municipais de ruídos, convivencia e medio ambiente, así como as normas referidas á protección patrimonial, seguen vixentes tamén durante o Nadal”, ironizou Igrexas, quen asegurou que a “opacidade” co expediente deste ano impide ao BNG coñecer se as medidas anunciadas por Abel Caballero van ser unha “solución real” que evite os graves problemas de tráfico e de inseguridade para os servizos de emerxencia, como bombeiros ou ambulancias.