O BNG acusa Abel Caballero de “covardía antidemocrática” por negarse a convocar o Debate sobre o Estado da Cidade

Xabier P Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista afea que o alcalde de Vigo volva rexeitar un ano máis a proposta de debate formulada polo Bloque: “Pouco se pode agardar dun rexedor que está máis cómodo como tertuliano televisivo que presidindo o máximo organismo de representación da cidade”

O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, tacha de “cambio aparencial” o cambio no Goberno local para ascender á edil Ana Mejías: “O BNG imos seguir exercendo unha oposición firme pero construtiva, acompañando cada crítica e denuncia dunha alternativa en positivo”

O BNG acusa Abel Caballero de “covardía antidemocrática” por negarse a convocar o Debate sobre o Estado da Cidade

O Bloque Nacionalista Galego acusa o alcalde de Vigo, Abel Caballero, de “covardía antidemocrática” despois de negarse un ano máis a convocar o Debate sobre o Estado da Cidade, tal como propuxo a fronte nacionalista. Así o valorou este luns o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrando que este debate recollido no Regulamento Orgánico do Pleno ten que celebrarse no primeiro semestre de cada ano.

“É unha mostra máis do profundo desprezo antidemocrático que practica o alcalde, que confunde unha lexítima maioría absoluta con esa permanente xordeira diante de calquera opinión que difira da súa propia”, criticou Igrexas, quen defendeu o dereito das viguesas e vigueses a coñecer as alternativas e a visión sobre a cidade por parte das diferentes forzas políticas con representación.

O portavoz nacionalista ironizou sobre a “covardía” de Abel Caballero asegurando que “pouco se pode agardar dun alcalde que está máis cómodo como tertuliano televisivo que presidindo o máximo organismo de representación democrática da cidade”, en relación ás continuas ausencias do rexedor no Pleno municipal no que, lamentou, apenas permanece de media 30 minutos cando asiste ás sesións.

Igrexas lembrou nese sentido que a cidade non se reduce só as viguesas e vigueses que colleron a papeleta do PSOE nas pasadas eleccións municipais. “A cidade está representada polos 27 asentos da Corporación municipal”, afirmou.

Cambio aparencial no Goberno local

Dende o BNG valoraron tamén a recente reconfiguración do Goberno local coa edil Ana Mejías como quinta tenente de alcaldía. Un “ascenso compensatorio”, a xuízo do portavoz municipal nacionalista, despois de que o alcalde tivese que rectificar a decisión de promocionar a Mejías como nova delegada da Zona Franca para asumir a “imposición” de Madrid para manter no cargo a David Regades.

“Non queremos cambios aparenciais, con mudanzas que no fondo non cambian nada”, advertiu Igrexas. “O que precisa e merece a cidade é dun Goberno municipal que realmente goberne, dun Goberno municipal que teña 19 concelleiros e concelleiras e non apenas un superedil de propaganda na persoa de Abel Caballero”, subliñou, reclamando que execute os seus propios orzamentos, en lugar de deixar 152 millóns de euros sen gastar como en 2023, ou que atenda as súas promesas para, entre outras cuestións, poñer fin ao “abandono” dos barrios e parroquias.
 

Fronte a esta situación, dende a fronte nacionalista comprometéronse a “continuar dando a batalla”, exercendo unha “oposición firme pero construtiva”, achegando a cada crítica e denuncia unha alternativa en positivo. “O que importa é que o Concello sexa unha administración útil non para quen ocupa o Goberno, senón para as 300 mil vigueses e vigueses”, remachou Igrexas.
O BNG acusa Abel Caballero de “covardía antidemocrática” por negarse a convocar o Debate sobre o Estado da Cidade