O BNG de Vigo tacha de paripé o deseño do Nadal 2024: “Caballero non ten ningunha intención de resolver as graves incidencias de anos anteriores”
A fronte nacionalista revela que o documento aprobado polo Goberno local é o mesmo que o borrador inicial, sen incorporar ningunha das medidas propostas por até 10 servizos municipais e sen atender as demandas da veciñanza afectada
Xabier P. Igrexas: “Estamos a tempo de evitar que o Nadal volva converterse nun calvario inseguro e insoportábel para a cidade se o alcalde deixa atrás a súa soberbia autoritaria”
O Bloque Nacionalista Galego tacha de paripé a proposta de programación para o Nadal de Vigo deste ano 2024. A fronte nacionalista revela que o documento aprobado o 28 de xuño é o mesmo que o borrador inicial elaborado polo polo Goberno local, sen incorporar ningunha das medidas adicionais propostas por até 10 servizos municipais e sen atender as demandas da veciñanza afectada.
“O Goberno de Abel Caballero non ten ningunha intención de acometer melloras reais e efectivas que resolvan as graves incidencias de anteriores edicións”, lamentou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, despois de examinar as 502 páxinas do expediente que, durante cinco días, foi ocultado irregularmente aos grupos da oposición.
Igrexas considerou unha “tomadura de pelo e un insulto á intelixencia” as declaracións do alcalde de Vigo sobre os cambios na programación. Así, cualificou de “escandaloso” que despois de solicitar informes específicos a unha decena de departamentos municipais (Medio ambiente, Turismo, Vías e Obras, Electromecánicos, Transportes, Limpeza, Policía Local, Parques e Xardíns, Seguridade e Patrimonio Histórico) “non se movera nin unha coma” da proposta inicial formulada polo Goberno local.
Fronte a esta situación, o BNG vén de esixir o Goberno municipal que modifique esta programación para incorporar tanto as medidas propostas polos servizos do Concello como da propia veciñanza. “Estamos a tempo de evitar que o Nadal volva converterse nun calvario inseguro e insoportábel para a cidade”, afirmou Igrexas, asegurando que só será posíbel desfrutar dun Nadal gozoso para toda a cidade se o alcalde escoita e rectifica deixando atrás a súa “soberbia autoritaria”.
Porta aberta para incumprir a normativa de ruídos
No relativo aos problemas de ruído, e que derivaron recentemente nunha sentenza contra o Concello de Vigo, o portavoz nacionalista asegurou que a programación limítase a reiterar as medidas parciais anunciadas en 2023, como a supresión de pequenos tramos de megafonía que non evitaron de novo graves trastornos na veciñanza residente. Porén, alertou de que o documento elaborado polo Goberno de Caballero abre a porta de a incumprir a normativa relativa a ruídos indicando expresamente a posibilidade de “suspender provisionalmente os obxectivos de calidade acústica”.
Cero medidas para o caos de tráfico
Outro dos puntos que provocaron importantes prexuízos na cidade en anteriores edicións do Nadal de Vigo foi o caos de tráfico. Unha situación que, advirten dende o BNG, tampouco se revolve no deseño deste ano. Así, a proposta do Goberno local unicamente recolle a necesidade dun plan de tráfico pero sen incorporar ningunha das medidas trasladadas polo departamentos municipais, algunhas delas formuladas tamén pola propia fronte nacionalista, como facilitar o acceso a residentes e traballadoras da zona, aparcamentos disuasorios, lanzadeiras de bus, mellorar as sendas peonís ou a coordinación coa Garda Civil para os accesos e saídas da cidade.
Sen pasos seguros para os vehículos de emerxencia
Dende o Bloque alertaron tamén da gravidade para a seguridade da cidade deste deseño do Nadal que, un ano máis, segue sen recoller referencias concretas a como se vai xestionar o paso de vehículos dos servizos de emerxencia, como ambulancias e bombeiros. “Non podemos volver vivir demoras, que poden ser críticas e mesmo mortais, ou que ambulancias teñan que dar marcha atrás nun túnel porque non pode avanzar”, criticou Igrexas, quen afeou ademais que non se contemple ningunha actuación para reforzar o operativo de seguridade para que non sexa persoal voluntario ou de protección civil quen exerza funcións de control do tráfico pese non ter competencias nin formación.
Torturar o arboredo ilegalmente
A fronte nacionalista criticou a insistencia do Goberno municipal en “torturar” o arboredo da cidade coa instalación de luces, incumprindo deste xeito a ordenanza municipal de Medio Ambiente que impide a colocación de ningún tipo de elemento sobre a masa arbórea. A este respecto, a única medida recollida na programación é que non se vai permitir a súa instalación en exemplares catalogados da Alameda, como ocorreu durante anos co exemplar centenario da araucaria.
Comportamento pirata co Cíes Market
O portavoz municipal do Bloque cuestionou tamén que se consinta o “comportamento pirata” do Cíes Market nun espazo de especial protección como os xardíns históricos da Alameda, rexeitando máis un ano solicitar a preceptiva autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a instalación do mercado. Un Cíes Market que provocou problemas de salubridade, lembrou Igrexas, que a programación aprobada non atalla. Nese sentido, non se atenden as observacións realizadas polo servizo de limpeza para evitar que se repitan as verteduras de aceites e augas residuais directamente á rede de sumidoiros que se rexistraron en anteriores edicións incumprindo a normativa.