O BNG de Vigo denuncia a desaparición do lavadoiro histórico da Barroca polas obras do Barrio do Cura

A fronte nacionalista alerta tamén de danos sobre a fonte da Barroca, a máis antiga da cidade, e pide aclarar se o Goberno de Caballero autorizou estas actuacións sobre elementos protexidos e catalogados como de "interese histórico alto"

Xabier P. Igrexas: “Sería unha aberración que as obras dunha nova urbanización VIP no Barrio do Cura poñan en risco elementos tan valiosos do patrimonio histórico da cidade”

O BNG de Vigo denuncia a desaparición do lavadoiro histórico da Barroca polas obras do Barrio do Cura

O Bloque Nacionalista Galego denuncia a desaparición do lavadoiro histórico e de danos na fonte da Barroca, a máis antiga de Vigo, por causa das obras no Barrio do Cura. A fronte nacionalista pide aclarar se o Goberno de Abel Caballero autorizou estas actuacións sobre elementos catalogados como de "interese histórico alto” no Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) do Casco Vello.

Así o alertou este xoves o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, recollendo denuncias veciñais sobre as afectacións dos traballos da futura urbanización no patrimonio histórico. “Diante da opacidade coa que se perpetrou esta actuación, o BNG imos dirixirnos de inmediato á concellaría de Patrimonio para esixir explicacións”, afirmou.

Dende o Bloque cualificaron de “grave” o desmantelamento completo do lavadoiro de Poboadores, catalogado como peza singular. “Non quedou rastro deste elemento e vemos con enorme preocupación a presenza de entullos na súa base que alertan do risco de que se teñan producido danos nas pezas retiradas”, subliñou Igrexas.

Por este motivo, o portavoz municipal nacionalista demandou ao Goberno de Caballero que aclare se esta retirada contou coas autorizacións preceptivas e se foi realizada atendendo a normativa de protección patrimonial e baixo supervisión municipal, así como información do lugar onde foron trasladados estes elementos, como se están a conservar e o lugar onde se van repoñer.

Na mesma liña, a fronte nacionalista denunciou os danos provocados sobre a fonte da Barroca, catalogada como a máis antiga de Vigo, e que conta tamén con protección que prohibe alteracións sobre a mesma. “Sería unha verdadeira aberración que as obras dunha nova urbanización VIP no Barrio do Cura poñan en risco elementos tan valiosos do patrimonio histórico da nosa cidade”, remachou Igrexas.

O BNG de Vigo denuncia a desaparición do lavadoiro histórico da Barroca polas obras do Barrio do Cura