O BNG de Vigo chama a desbloquear o Consorcio do Casco Vello e multiplicar por dez as achegas de Xunta e Concello
A fronte nacionalista urxe a poñer fin á parálise do organismo como resultado da “disputa permanente” entre o PSOE de Abel Caballero e o PP de Marta Fernández-Tapias.
Xabier P. Igrexas: “Hai que intensificar a cooperación entre ambas administracións en beneficio da cidade e dun Consorcio que se ten verificado de grande utilidade para a posta en valor do casco histórico de Vigo”.
O Bloque Nacionalista Galego chama a desbloquear o Consorcio do Casco Vello e pide multiplicar por dez as achegas económicas da Xunta de Galiza e do Concello de Vigo. A fronte nacionalista urxe a poñer fin á parálise na que está instalado o organismo como resultado da “disputa permanente” entre o PSOE do alcalde, Abel Caballero, e o PP da delegada do Goberno galego, Marta Fernández-Tapias.
“O BNG facemos un chamamento expreso á responsabilidade tanto do Concello como da Xunta á hora de desbloquearen esta situación”, subliñou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que acusou a ambas forzas políticas de utilizar o Consorcio como “arma arroxadiza” a costa de paralizar “un instrumento que se ten verificado de grande utilidade para a rehabilitación, a posta en valor e a dinamización do casco histórico de Vigo”.
Igrexas pediu abrir unha nova etapa de colaboración e cooperación entre os Gobernos galego e municipal para “dimensionar inda máis” o Consorcio do Casco Vello
Cualificou de “escasas e ridículas” as partidas recollidas no actual convenio, polo que demandou que ambas partes senten a negociar de inmediato un novo acordo entre o Instituto Galego de Vivenda e Solo e o Concello de Vigo.
Neste sentido, o edil nacionalista propuxo intensificar a capacidade de investimento do organismo multiplicando por dez as achegas económicas da Xunta (dos 400 mil euros actuais a 4 millóns) e do Concello (de 44 mil euros a 440 mil). “Para darlle un maior dinamismo e meter unha marcha máis no proceso de rehabilitación do casco histórico da cidade”, explicou, “é importante poñer fin dunha vez a esta disputa estéril, ao permanente pimpampum entre o PSOE e o PP, en beneficio da nosa cidade”.