O BNG de Vigo demanda a intervención da Xunta e do Concello para garantir a actualización dos salarios no Servizo de Axuda no Fogar
A fronte nacionalista rexistra unha moción ao Pleno diante da negativa de Servisar, empresa do grupo DomusVi que xestiona o servizo na cidade, a aplicar a suba salarial recollida no convenio colectivo.
Pide estudar a municipalización deste servizo esencial na atención das persoas maiores e dependentes para que deixe de ser unha fonte de negocio privado.
O Bloque Nacionalista Galego demanda que a Xunta de Galiza e o Concello de Vigo interveñan para garantir a actualización dos salarios do persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A fronte nacionalista rexistra unha moción ao Pleno municipal após a negativa de Servisar, empresa do grupo DomusVi que xestiona o servizo na cidade, a aplicar a suba salarial recollida no convenio colectivo.
“A Xunta e o Concello de Vigo, como cotitulares do servizo, non poden ollar para outro lado diante da pretensión de Servisar de impoñer unha evidente perda de poder adquisitivo nas traballadoras deste servizo esencial na atención das persoas maiores e dependentes”, reclamou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que censurou que Servisar decidira unilateralmente aplicar só un aumento do 3,1% nos salarios cando a suba do IPC en 2021 acadou o 6,5%.
Igrexas apuntou que esta perda de poder adquisitivo está a agravarse polos efectos da inflación disparada durante este primeiro semestre de ano, nun sector xa precario, con retribucións moi escasas, e amplamente feminizado.
“Non podemos permitir que se impoña esta rebaixa salarial cando o Concello de Vigo lle transfire a Servisar cada ano 10 millóns de euros para a xestión do servizo”, advertiu.
O edil nacionalista demandou tamén que a Xunta incremente de “maneira substancial” os recursos que destina ao financiamento do SAF, actualizando os custos de cada hora de prestación do servizo á realidade e permitindo que ese aumento repercuta na mellora das condicións laborais e salariais das traballadoras.
Municipalización do servizo
Aliás, o concelleiro do Bloque en Vigo subliñou a urxencia de ampliar a carteira de servizos do SAF, apostando por incrementar o número de persoas beneficiarias. “Son moitas as familias, as viguesas e os vigueses, que necesitan unha mellor atención que non poden recibir neste momento”, asegurou.
Desde a fronte nacionalista insistiron que esta situación evidencia a necesidade de iniciar un estudo para a municipalización do servizo. “Para que os coidados sexan un servizo público xestionado desde o público, e non unha fonte de negocio privado para grandes conglomerados empresariais como o grupo DomusVi”, remachou.