O BNG insta a Concello de Vigo e Xunta a tomar medidas contra o acoso da Sareb á veciñanza da Privada Moderna

Reunión do BNG coa veciñanza da rúa Privada Moderna
Reunión do BNG coa veciñanza da rúa Privada Moderna

A fronte nacionalista esixe que o Goberno municipal intensifique as actuacións contra o chamado ‘banco malo’, tras manter un encontro coas seis familias afectadas.

Reclama a transferencia dos inmóbeis da Sareb, tal como se comprometeu o Goberno español, para incorporalos ao parque público do Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Xabier P. Igrexas: “En lugar de arranxar os inmóbeis, que é a súa obriga, busca provocar un escenario de ruína que permita expulsar á veciñanza das súas vivendas”.

Alexandra Fernández: “Pedimos que a Xunta, que ten as competencias en vivenda, actúe como mediadora e protectora destes inquilinos que están sendo acosados”.

O BNG insta a Concello de Vigo e Xunta a tomar medidas contra o acoso da Sareb á veciñanza da Privada Moderna

O Bloque Nacionalista Galego insta ao Goberno municipal e á Xunta de Galiza a tomar medidas para poñer fin ao acoso inmobiliario da Sareb contra seis familias da rúa Privada Moderna. A fronte nacionalista vén de trasladar varias iniciativas no Concello de Vigo e no Parlamento galego, que se suman ás rexistradas no Congreso, para demandar unha solución urxente fronte as presións do chamado ‘banco malo’, participado de forma maioritaria polo Estado, contra estas veciñas e veciños do Calvario.
 

“A Sareb estáse a comportar como o peor dos fondos voitre, negándose a acometer os arranxos necesarios nos inmóbeis para provocar un escenario de ruína que permita expulsalos das súas vivendas”, denunciou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que mantivo este martes xunto á deputada nacionalista no Parlamento galego, Alexandra Fernández, un encontro coa veciñanza afectada.

Igrexas deu conta das actuacións realizadas polo Bloque na Xerencia Municipal de Urbanismo para pedir unha intervención municipal na problemática. En primeiro lugar, demandou que o Concello de Vigo se dirixa formalmente ao Goberno español para instalo a que adopte as medidas necesarias para que cese o acoso inmobiliario. O edil nacionalista demandou tamén intensificar as medidas coercitivas contra a Sareb, diante dos numerosos incumprimentos do ente coas resolucións de Urbanismo que, polo momento, se saldaron só cunha multa de mil euros. Por este motivo, chamou a iniciar os trámites para acometer a execución subsidiaria, realizando o Concello as obras necesarias para acondicionar os inmóbeis para remitir posteriormente a factura ao ‘banco malo’.

“Non podemos permitir que este comportamento da Sareb se siga traducindo no abandono destas veciñas e veciños de Vigo, a quen lle reiteramos o noso completo apoio”, expresou Xabier P. Igrexas.

Durante a xuntanza coas familias afectadas, os representantes do BNG puideron constatar o grave deterioro das zonas comúns dos edificios e como están a ser desmantelados de forma paulatina pola propiedade.
 

Transferencia da Sareb ao parque público de vivenda

Pola súa banda, a deputada Alexandra Fernández reiterou a urxencia de que o Goberno español realice a transferencia das vivendas da Sareb á Xunta de Galiza, tal como se comprometeu hai un ano. “O Goberno galego tiña que estar xa reclamando que se faga efectiva esa cesión para incorporar estas vivendas ao parque público do Instituto Galego de Vivenda e Solo”, lamentou.

Neste sentido, a deputada nacionalista criticou a actitude “pasiva” do Executivo galego do PP, malia ter as competencias en materia de vivenda. Ademais, solicitou que a Xunta actúe como mediadora e protectora destes inquilinos acosados. “Igual que se habilitou un teléfono de asesoramento para casos de ocupación de vivendas, pedimos que poña a disposición outro para atender estes casos de acoso inmobiliario”, propuxo.

Fernández afeou o feito de que unha entidade como a Sareb, baixo capital e propiedade pública, non garanta tamén a función social do seu parque inmobiliario.

“Estamos vendo casos por todo o País, de norte a sur, como en Ares ou Narón, incluso con cortes de subministros para botar aos veciños e veciñas”, advertiu Alexandra Fernández.

A deputada do BNG lamentou neste sentido que o Goberno español camiñe no sentido contrario. “Hai apenas unha semanas vén de ceder a xestión da Sareb a dous fondos voitre como Blackstone e KKR, que se caracterizan por un modus operandi moi agresivo cara as persoas inquilinas”, subliñou.

“Estas familias levan décadas vivindo aquí e teñen dereito a seguir no seu barrio, onde teñen as súas redes veciñais, sociais e afectivas, e non a ser expulsadas a outra parte da cidade cos prezos absolutamente indignos da vivenda que padecemos agora mesmo en Vigo”, remachou Fernández. 

O BNG insta a Concello de Vigo e Xunta a tomar medidas contra o acoso da Sareb á veciñanza da Privada Moderna